O PP rexeita a prosposta do BNG para impulsar o uso do Galego na Xustiza

Ana Pontón reclamaba que no marco da reforma da lei Orgánica do Poder Xudicial sexa requisito para as funcións xurisdicionais en Galiza o “dominio oral e escrito” da Lingua galega

Ana Pontón

A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe na Comisión de Xustiza unha proposición non de lei destinada a impulsar, no marco da Reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial que se fixe como requisito o “dominio oral e escrito da Lingua galega” para as funcións xurisdicionais.

A parlamentaria lamentou o voto en contra do Partido popular anunciado polo deputado Agustín Baamando que defendeu o dereito dos usurarios/as e representantes da Xustiza a manifestárense “ao mesmo nivel” en galego e español e respectar as opcións lingüísticas individuais.

Para a deputada, a resposta de Baamonde reproduciu os vellos “esquemas” contra o idioma galego que recordan “cunha certa verticalidade, aquela dunha España, grande e libre, concepto de nación que o PP aplica” así como principios que resultan “corrosivos” contra a Lingua galega.

A parlamentaria explicou que cando no Estado se esixe o coñecemento do español é “un acto de liberdade” pero se en Galiza se esixe o coñecemento do galego para o Partido popular , “ é unha atrocidade”.

Nós, afirmou, defendemos que na Reforma da lei Orgánica do Poder Xudicial para exercer a adxudicatura en Galiza “se coñeza o galego” e preguntou ao portavoz popular se estaría dacordo en que non se esixira o coñecemento do español en Madrid, e se lle parecería ben que viñera aquí un xuíz inglés que necesitara un interprete para exercer. Agora ben, recalcou, que á lingua galega se lle esixa o mesmo status que a lingua castelán para vostedes reiterou, é “ unha atrocidade”.

A deputada tamén preguntou ao grupo popular se consideraban o galego unha lingua ou “un sucedáneo sen valor legal”. Moita xente, engadiu, non utiliza o galego por prexuízos, xente, explicou que non se expresaba ben en castelán asistía os xuízos facendo un exercicio para poder falar nesa lingua, “non por liberdade” senón porque o marco era hostil e consideraba que utilizando o castelán tería un mellor trato xudicial.

Asemade, engadiu, na actualidade hai xuíces que teñen problemas por utilizar a nosa lingua na xustiza, hai problemas informáticos e non existe dun corpo lexislativo ao que se poda acceder en galego. “Vostedes defenden a imposición do castelán e van en contra do Plan de Normalización lingüística”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG