Vence e Rivas exercen de mariscadores para reclamar a recuperación integral da Ría de Ferrol

Vence e Rivas exercen como mariscadores en demanda da recuperación da Ría de Ferrol

Vence e Rivas exercen como mariscadores en demanda da recuperación da Ría de Ferrol

BNG-Asembleas Abertas Ferrol reclama a recuperación integral dos bancos marisqueiros da Ría para converter este recurso natural produtivo en fonte de creación de emprego, e o fixo cun acto simbólico marisqueando na enseada da Malata no que tamén participou o portavoz nacional, Xavier Vence.

“As rías son un recurso natural produtivo fabuloso e aproveitalo debe formar parte da economía de futuro polo seu potencial para a creación de emprego, e para iso teñen que estar saneadas, unha demanda que o BNG leva anos reclamando tanto ao goberno da Xunta, como en Madrid e Bruxelas”, salientou o dirixente nacionalista, quen criticou “a miopía” do PP incapaz de valorar a importancia deste sector nin desde Galiza, nin desde o goberno central.

As estimacións do Bloque é que a recuperación dos bancos marisqueiros da Ría de Ferrol permitiría xerar un mínimo de 500 postos de traballo, multiplicando por dous o actual nivel de emprego derivado da actividade marisqueira na ría, a segunda “empresa” por número de empregos en Ferrol.

Neste sentido, Vence salientou o compromiso do BNG “para impulsar desde os Concellos a recuperación deste recurso natural como motor de emprego e futuro para as novas xeracións”, argumentou. “O sector marisqueiro ten que ser unha fonte de riqueza agora e no futuro, ten que haber un compromiso para sanear a ría desde o sector público para que moitas familias podan vivir desta actividade na comarca”, recalcou o portavoz nacional.

Productiva, pese a degradación

O acto simbólico pretendía tamén demostrar que a enseada da Malata segue a ser produtiva pese ao estado de degradación ambiental no que se atopa, que impide a comercialización e consumo do produto.

Para darlle a volta a esta situación, o BNG-Asembleas Abertas Ferrol, formula tres propostas concretas, que explicou o candidato e actual portavoz municipal, Iván Rivas. Desenvolver o saneamento integral da Ría, evitar a construción de novas barreiras artificiais que contaminan e pechar o porto carboeiro como foco contaminante cando está ao lado o porto exterior en Ferrol.

Rivas denunciou que as decisións do goberno municipal do PP acordadas co Ministerio de Fomento “van en dirección contraria a ese saneamento integral e mesmo pretenden que sexan os veciños e veciñas de Ferrol quen asumamos o custe dunha infraestrutura declarada de interese xeral desde 1997”.

O candidato de BNG-Asembleas Abertas demanda un plan de limpeza dos fondos da ría, “paralizado desde que a Xunta suprimiu o plan de dinamización que permitía a limpeza deses fondos para substituílo pola instalación dunha batea que o único que provoca son perdas ás confrarías de mariscadores e mariscadoras”.

Igualmente, para favorecer a capacidade de rexeneración natural da ría, Rivas propón “evitar a construción de novas barreiras artificiais como a construción dun viaduto ata o porto exterior que suporía a morte definitiva da Enseada da Malata e mesmo eliminar o peirao de carbón que xa non cumpre a súa función”, argumentou.

O que non lle serve de nada a Ría de Ferrol “é a política da aparencia e da propaganda cuxos resultados están á vista de todos e todas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG