O BNG pide Xunta que mostre a súa oposición ao Acordo Trasatlántico de Comercio e Investimento

Francisco Jorquera denunciou  que o  TTIP, compromete o futuro dos pobos coa creación dun mercado único baseado na “desregulación”, privatiza servizos públicos, limita os dereitos d@s traballador@s e impide o desenvolvemento das pequenas e medianas empresas

Jorquera na Comisión de Economía

O deputado do BNG, Francisco Jorquera pediu hoxe, a través dunha proposición non de lei que a Xunta mostre a súa oposición nas negociacións no Acordo Trasatlántico de Comercio e Investimento, TTIP. O parlamentario denunciou “o secretismo” das negociacións entre a U.E e EE.UU que, ao seu xuízo, comprometen o futuro dos pobos coa creación dun mercado único baseado na “desregulación” achegando o modelo europeo ao estadounidense cunha “táboa rasa das lexislacións” e incluso na protección da saúde para satisfacer “ás ansias de acumulación” das multinacionais.

Estase negociando “en secreto”, reiterou o nacionalista. A maioría dos documentos son de carácter reservado, a pesar de tratar asuntos fundamentais para o futuro económico e social dos pobos

Oscurantismo nas negociacións

Neste sentido, lembrou que un erodeputado de Iniciativa per Catalunya-Els Verds só puido permanecer unhas horas na sala de seis metros cadrados habilitada para consultar os documentos co control permanentemente dun funcionario. Antes de entrar requisáronlle o móbil, bolígrafo e papel e foi obrigado a asinar un documento de confidencialidade baixo ameaza de consecuencias penais no suposto de filtrar algunha información, “foi tratado como un espía” ou potencial delincuente en vez de como un representante elixido polo pobo, denunciou Jorquera na Comisión de Economía celebrada hoxe no Parlamento galego.

Por outra parte, o nacionalista tamén asegurou que non existe o acceso ás ofertas norteamericanas nin documentos de principios de acordos, e “a comisión negociadora europea mantivo 130 xuntanzas para preparar a negociación con grandes empresas e grupos de presión”.

Principio de precaución europeo, inexistente en EE.UU

Sobre este asunto, o deputado lembrou que no caso de existir efectos negativos nun ingrediente, o principio europeo de precaución prohibe a súa comercialización sen embargo, a lexislación en EE.UU e máis laxa, só mantén 11 substancias cosméticas prohibidas mentres en Europa son 1.328. Co novo tratado, serán comercializados todas as substancias establecendo a súa advertencia na etiquetaxe, para nós, afirmou Jorquera, isto chámase “desregular”.

Francisco Jorquera

Estanse negociando tamén, engadiu novas privatizacións dos servizos públicos e recortes nas pensión en beneficio de plans de pensións privados. A nivel laboral equiparar a regulación á estadounidense significará limitar a sindicación, os convenios colectivos e os dereitos laborais.

O TTIP arrasa co tecido industrial galego

A eliminación de barreiras para a comercialización de produtos agroalimentarios acabará arrasando o modelo agrario europeo e galego. O TTIP atenta contra o dereito básico de todo país a ter unha base económica e provocará a “ruína” de pequenas e medianas empresas que non resistirán o control e competencia das multinacionais.

A iniciativa parlamentaria defendida por Francisco Jorquera foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular argumentando o seu portavoz, Gonzalo Trenor que o Acordo Trasatlántico de Comercio e Investimento “abre importantes perspectivas e un maior acceso das empresas galegas a mercados foráneos.”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG