Rosana Pérez pide a Fomento concrecións sobre o Eixo Atlántico e critica a propaganda

FOTO PLENO 2A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para pedirlle a Fomento que concrete cais van ser as frecuencias e os servizos do Eixo Atlántico unha vez que estea en servizo toda a conexión.

Rosana Pérez dirixe unha batería de preguntas ao Ministerio presidido por Ana Pastor para saber en que data exacta os usuarios poderán realizar viaxes comerciais con trens Avant eléctricos no Eixo e cando estará totalmente operativa toda a rede. “Cal vai ser a frecuencia horaria destes trens? Qué dispór ten Fomento a mellorar as frecuencias dos servizos do Eixo para adaptalos especialmente ás necesidades laborais dos galegos? Non é posíbel incrementar os servizos nas horas punta de modo que existan máis facilidades para chegar nas franxas horarias comprendidas entre as 8h e as 9.30h?”.

Estas sona algunhas das cuestións que a deputada traslada a Fomento debido á falla de concreción a pesar que “ter inaugurado en medio dun grande despliegue o luns pasado o Eixo pola finalización do tramo entre Padrón e a nova estación de Urzáiz en Vigo”. Ironiza a deputada do BNG “co estrés dunha xornada atinxida de multitude de actos de inauguración de estradas e tramos ferroviarios, apurando as horas finais antes de que entrase en vigor a lexislación eleitoral que prohibe facer este tipo de actos cando concorren convocatorias eleitorais”.

Máis alá de actos propagandísticos

Critica a deputada nacionalista a falla de resposta a unha serie de interrogantes non aclarados. Así, non se dixo cal será a data concreta en que estará todo aberto ás viaxes comerciais, tampouco se concretaron as tarifas a aplicar. Nese sentido, amosa o desacordo do BNG coa idea de manter uns prezos de billetes equivalentes aos Avant que son máis caros. “Se esta vai ser a política de Fomento, verémonos obrigados a ser críticos, sobre todo despois de que o propio Feijoó chegase a equiparar estes servizos ferroviarios cun metro de superficie. As tarifas deberían ser máis baixas”.

Rosana Pérez demanda a Renfe outra política de prezos: “Non considera que os billetes deberían ser menores dada a presunción de que se trata dun “metro de superficie”? Vai o Ministerio a practicar unha política de prezos máis adaptada á situación económica dos galegos?”.

Asemade, a deputada do BNG pón enriba da mesa outra das cuestións que permanece na indefinición. “o Eixo totalmente rematado vaise pór en marcha sen contar co sistema de seguridade máis avanzado o ERTMS. A pesar dos grandes debates abertos en relación ao tráxico accidente de Angrois, de momento van circular baixo o ASFA”.

Recrimina a deputada nacionalista a falla de concreción temporal en relación ao ERTMS, “no caso que de verdade se instale”.

Fai especial fincapé a parlamentar nacionalista na cuestión das frecuencias horarias. “unha vez que pase o auto bombo propagandístico, haberá que baixar á realidade e á concreción. É importante que se adecúen ás necesidades dos galegos e das galegas”. Lembra aquí a saturación dos servizos os venres e domingos con multitude de persoas viaxando de pé.

Reprocha Rosana Pérez que Renfe non axuste as frecuencias e prime o “interese comercial en detrimento do que debería ser un servizo público. Hai un desequilibrio nos horarios e deberían cubrirse todas as horas porque hai trens que saen cunha diferenza de cinco minutos e hai franxas de dúas horas sen servizos”.

“Comprométese o Ministerio a que o Eixo funcione como un servizo público en lugar de priorizar o interese comercial?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG