O BNG reclama trens de cercanias fronte un AVE que non vertebra Galiza

As deputadas, Ana Pontón e Rosana Pérez advirten que o AVE, entre Coruña e Vigo mantén o mesmo sistema de seguridade que provocou o accidente de Angrois

Ana Pontón e Rosana Pérez reclaman trens de cercanias

As deputadas do BNG, Ana Pontón e Rosana Pérez compareceron hoxe ante os medios de comunicación para valorar a viaxe de proba do AVE entre Coruña e Vigo que comezará o seu percorrido a medidos de abril, segundo as previsións do Ministerio de Fomento.

A deputada Ana Pontón reclamou “trens de cercanias que resolvan a mobilidade de todos e todas as galegas fronte un AVE que non vertebra Galiza”.

A nacionalista criticou o "uso partidista y electoralista" do Partido popular coas infraestruturas e censurou que onte tivera lugar un percorrido inaugural sen definir “cando será posto en marcha o servizo” do novo tren entre A Coruña e Vigo.

Por outra parte, Pontón salientou que o tren de alta velocidade será inaugurado só co sistema de seguridade ASFA, idéntico, afirmou o que tiña o sinistrado ALVIA en Angrois e do que “desgraciadamente en Galiza coñecemos moi ben as súas consecuencias”.

Percorrido de proba tras 15 anos de sinatura do convenio

A deputada no Congreso, Rosana Pérez denunciou que o tren de Alta velocidade estrease “ 15 anos despois” da sinatura do convenio para a súa execución. A parlamentaria cualificou esta circunstancia de “escandalosa” e insistiu en que o Ministerio de Fomento “non toma en serio a seguridade, sobre todo en Galiza”.1

Sobre este extremo, Rosana Pérez considerou que o Tren de Alta velocidade, probado onte entre Coruña e Vigo, é “un hibrido que nada ten a ver co AVE” e ata dentro de cinco anos, explicou non será colocado nese tramo o sistema de seguridade ERTMS. Asemade, asegurou que o novo tren non sae “de balde” aos galegos e galegas e máis ben, supón unha “grande perda” tendo en contra que foron suprimidos moitos servizos como o FEVE entre Ferrolterra-A Mariña e Asturias.

Rosana Pérez explicou que dende o ano 2013, momento da posta en marcha do Plan de Racionalización de Media Distancia desapareceu a liña, Ourense-Puebla de Sanabria, de 560 servizos quedaron 450 e pecharon 50 estacións intermedias deixando moitas vilas e pobos sen frecuencias.

A deputada tamén lembrou que polo momento tampouco nada se sabe das conexións cos portos de Vigo, Coruña e Ferrol e a conexión ferroviaria entre Ourense e Lugo “segue paralizada”.

Deseño de Alta velocidade con Madrid

As deputadas do BNG coincidiron en que o deseño da Alta velocidade en Galiza responde a un deseño no que a cidade de Vigo será a última en conectarse con Ourense para acceder a un tren de alta velocidade que conecte coa Meseta. Dende o BNG, dixo, seguiremos reclamando ter a alta velocidade como o resto do Estado e seguimos apostando pola creación de servizos de cercanias que vertebren o noso territorio.

Finalmente, Rosa Pérez criticou o boato da inauguración da estación de Urzáiz en Vigo e indicou que da conexión Vigo-Ourense por Cercedo, “nada se sabe” polo que a cidade viguesa, sentenciou, seguirá “sen conexión” con Ourense.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG