Concelleiras do BNG de Salvaterra retidas por reivindicaren a Plisán

Na tarde do sábado, 28 de marzo, os tres concelleiros do BNG de Salvaterra do Miño, foron retidos e identificados pola policía portuguesa durante un acto de protesta pola situación da Plisán, a Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves. As concelleiras Patricia Marinho Rodríguez e Eva González Pérez e mais o concelleiro Xosé Antón Outeiro González foron agredidos polos servizos de seguridade do acto cando intentaban mostrar unha pancarta de denuncia diante do Conselleiro da Presidencia da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda.

Actuación policial desproporcionada contra as concelleiras e concelleiros

Os feitos aconteceron durante o acto de irmandade entre os concellos de Salvaterra e Monção, organizado co motivo de celebrar os vinte de anos da entrada en funcionamento da ponte internacional que une ambas as ribeiras do Miño. A delegación galega estaba encabeza polo Alfonso Rueda, Conselleiro de Presidencia da Xunta de Galiza e mais polo alcalde de Salvaterra do Miño, Arturo Grandal Vaqueiro, xunto con outros concelleiros e concelleiras desta corporación.

Agresión a concelleiras do BNG de Salvaterra.

No comezo da intervención de Alfonso Rueda, o concelleiro do BNG Xosé Antón Outeiro intentou despregar unha pequena pancarta na que se podía ler PLISNÁN = PROPAGANDA ELECTORAL. Esta acción desencadeou a reacción dos axentes da policía portuguesa, que agrediron á concelleira Patricia Mariño, afastándoa violentamente do lugar da protesta ata chegaren a arrastrala polo chan, causándolle feridas e contusións polas que tivo que acudir ao centro de saúde. Durante a actuación policial os veciños e veciñas que participaban na protesta responderon á actuación policial berrando “democracia, liberdade”, mentres conselleiro, alcalde e membros da corporación se mantiñan impasibles.

Censura violenta das protestas contra o uso electoral da Plisán

A protesta que intentou impedir a policía portuguesa tiña como obxectivo denunciar publicamente o uso clientelar e propagandístico que, elección tras elección, fai o Partido Popular dos anuncios da posta en marcha efectiva do parque empresarial Plisán. Nesta ocasión estase a publicitar a instalación, aínda non confirmada, da planta de baterías da empresa Mitsubishi ata o punto de anunciar a recollida de currículos para optar a traballar na factoría, cuxa instalación aínda non está confirmada pola empresa xaponesa.

A actuación policial, consentida polas autoridades galegas presentes no acto, foi absolutamente desproporcionada, empregando unha violencia innecesaria contra unha protesta pacífica dos veciños e veciñas que denunciaban o uso propagandístico dunha iniciativa empresarial de grande importancia para o desenvolvemento e a creación de postos de traballo na comarca.

O BNG expresa a súa solidariedade coas compañeiras e compañeiros identificados e retidos, e denuncia o uso da violencia e a censura coa que se están a tratar en todo o país os actos públicos de denuncia contrarios aos intereses electorais do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG