Rosana Pérez acusa ao PP "de levarnos aos tempos nos que a poboación vivía baixo control"

PLENO 3A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez subiu á tribuna do Congreso para manifestar o máis rotundo rexeitamento do BNG á Lei de Seguridade Cidadán, coñecida popularmente como Lei Mordaza.

Unha lei que hoxe supera o seu último trámite co debate no Pleno das emendas procedentes do Senado.

Rosana Pérez acusou ao PP de practicar “a ideoloxía máis reaccionaria e represora e vulnerando grande parte dos dereitos e liberdades fundamentais”. Para a deputada do BNG as reformas do Código Penal e a Lei Mordaza “encamíñanos definitivamente cara un estado policial que ten por obxectivo silenciar e amordazar calquer atisbo de crítica, denuncia ou movilización social”.

Reprochou ao Goberno que “nos sitúen cada vez máis lonxe dos países avanzados democraticamente e nos levan aos tempos nos que a poboación vivía permanentemente en estado de vixianza e control”.

“Respostan á crítica social con máis represión”

Salientou a importante crítica e oposición a esta lei, non “só dos grupos políticos como o BNG senón de moitas organizacións de defensa dos dereitos humanos até organismos internacionais como o Consello de Europa ou a Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos”.

Responsabilizou ao Goberno do malestar social existente debido ás políticas “austericidas” e anti sociais practicadas que “supuxeron o empobrecemento e a exclusión social de millóns de persoas”. “A responsabilidade desta situación é do Goberno, que levou aos cidadáns a expresar o seu malestar e rexeitamento ás políticas austericidas por medio da protesta social, que na inmensa maiorías das veces é pacífica”.

Reprochou ao Executivo que a resposta á crítica social sexa a represión: “respostan aumentando a potestade punitiva e sancionadora, ampliando as faculdades das forzas de seguridade e a discrecionalidade policial”.

Neste sentido, puxo de manifesto o incremento das actuacións policiais cuestionábeis e das detencións practicadas nos últimos meses que xa “deixaron ao descuberto as verdadeiras intencións do Ministro de Interior e do Goberno”.

Criticou Rosana Pérez a falla de diálogo e de consenso: “Vostedes prepotentemente non deron nin un paso atrás na tramitación desta lei”. E advertiu ao PP que aínda que hoxe remata o trámite de aprobación desta lei “non remata con elo a protesta nin a movilización cidadá. E dígollo máis claro: mentras sigan gobernando en contra da maioría social non nos calarán”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG