O BNG vota en contra da reforma do Código Penal que estabelece a cadea perpetua

CONGRESOA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu á tribuna do Congreso esta mañá para deixar claro o voto en contra do BNG á reforma do Código Penal do PP que estabelece a cadea perpetua baixo o eufemismo de “prisión permanente revisábel”.

A reforma do Código Penal supera hoxe o último trámite co debate no pleno das emendas procedente do Senado, que a xuizo da deputada do BNG “non serviron para cambiar unha normativa que é un grave retroceso na xustiza e nas liberdades”.

Censurou ao Goberno por “facer ouvidos xordos das reflexións, advertencias e críticas procedentes de distintos ámbitos, sobre todo do eido xurídico. Vostedes mantivéronse impertérritos na defensa dunhas medidas totalmente negativas e que van en contra do estabelecido na propia Constitución en relación ao concepto de resocialización das penas”.

Acusou ao PP de realizar unha reforma “en atención a argumentos baseados no populismo”. Criticou duramente a regresión que supón o estabelecemento da “cadea perpetua que chaman “prisión permanente revisábel”. Reprochou ao Goberno de “se afastar do que emana da propia Constitución en canto á resocialización das penas” e expresou o desexo de que esta reforma conte “con moitos recursos de inconstitucionalidade e ogallá poida voltarse á cordura para impartir a xustiza desde a razón e non desde a irracionalidade das emocións”.

Rematou Davila deixando claro que o BNG está totalmente en contra desta reforma porque “o PP incide na súa actitude represiva que caracteriza a este Goberno”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG