Jorquera: “O Goberno galego mantén amordazado o Parlamento"

O deputado cualificou de “ironía” que o PP defenda unha lei para reforzar a participación cidadá no Parlamento mentres impide que o BNG poida formular a pregunta de control o Presidente, secuestra as comisións das caixas, non permite investigar o accidente da Angrois e veta a Proposición de lei do BNG para transferir a AP-9

Pleno.- No transcurso do debate da toma de consideración da Proposición de Lei do Partido popular para a Iniciativa Lexislativa Popular e participación cidadá no Parlamento galego, o portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera dubidou da aposta dos conservadores para reforzar a centralidade do Parlamento despois de aplicar “a lei mordaza ao BNG” impedindo a pregunta a Núñez Feijóo neste pleno.

Jorquera criticou a proposta do Partido popular e lembrou que os antecedentes no Parlamento cuestionan a eficacia da mesma. O deputado referiuse a última sesión plenaria na que foi expulsada a deputada nacionalista, Carme Adán por “pretender exercer un dereito recoñecido no Regulamento” e que a propia presidenta da Cámara, Pilar Rojo, días máis tarde constatou a “ilegalidade” do seu proceder.

Tras a rectificación de Rojo, recaldou o nacionalista, neste pleno todos os grupos terán dereito a fixar as súas posicións nas interpelacións cun tempo de dez minutos como reclamaba a deputada Adán.

O PP pode pasarse de freada con tanto impulso democrático

Cando Feijóo se nega por sistema a comparecer nesta Cámara, cando non responde ás preguntas da oposición, cando o PP secuestra as comisións das Caixas, impide crear unha comisión para investigar as causas reais do accidente de Angrois e vetan a Proposición de lei do BNG para o traspaso a Galiza da AP-9 resúltanos, dixo, moi difícil crer que pretende reforzar a centralidade política do Parlamento galego.

O parlametario tamén se referiu o recente anunciou do Partido popular relativo á nova Lei de transparencia que cualificou de “propaganda para seguir encubrindo que se incumpra a lei actual”.

Jorquera na Tribuna

Mentres fan publicidade da Lei, seguen vetando que se investigue o escándalo dos cursos de formación, Feijóo non aclara os seus vencellos con Pachi Lucas investigado como “o grande conseguidor” e non responden a escandalosa nómina de candidatos do PP “imputados” pola Comisión de delitos relacionados coa corrupción.

Con estes antecedentes que nos quere propoñer o PP, preguntou, que os cidadáns propoñan preguntas e Proposicións non de lei ante o Parlamento para que logo os grupos decidan a súa defensa e trámite parlamentario? Acaso descoñecen que os grupos parlamentarios mantemos unha verdadeira interlocución coa cidadanía e os seus problemas?

Vostedes, nin sequera contemplan que as iniciativas promovidas por cidadáns sexan debatidas de maneira “obrigatoria” na Cámara, censurou.

O PP continua co fogo de artificio

O parlamentario fixo fincapé na batería de propostas do BNG para fomentar na Cámara a participación cidadá e que foron rexeitadas polo Partido popular, entre as que nomeou: a Lei de Consultas populares, a lei de Impulso á Iniciativa Lexislativa Popular, unha lei electoral para que o Parlamento reflicta de “maneira real” a vontade expresada pola cidadanía nas urnas e unha reforma do regulamento para revitalizar esta institución e non como a vostedes propuxeron a base de reducir “dereitos e intervencións”

Finalmente, o nacionalista anunciou o voto en contra do BNG á proposta popular porque, na súa opinión, non é máis que “propaganda baleira de contido e fogo de artificio”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG