O BNG pide implantar un paquete de medidas que impulsen o emprego das mulleres

Carme Adán reclamou unha axuda equiparábel ao salario mínimo para as desempregadas maiores de 50 anos cunha vida laboral de 30 que xa esgotaron as prestacións

As deputadas, Ana Pontón, Carme Adán e Tereixa Paz presentan as medidas para impulsar o emprego feminino

 Ante a celebración do 8 de marzo, Día Internacional da mulleres, as deputadas do BNG, Carme Adán, Ana Pontón e Tereixa Paz compareceron ante os medios de comunicación para presentar un plan de “medidas urxentes” destinadas potenciar o emprego feminino.

Carme Adán, portavoz de Igualdade lembrou que este ano o BNG conmemora o 8 de Marzo, Día Internacional das mulleres co lema “A forza do Feminismo” como homenaxe á realidade das mulleres galegas mozas, maiores e de todas as idades que están na emigración ou desempregadas. Os datos sobre a situación laboral das mulleres galegas, dixo, son “alarmantes” e van empeorando coa emigracións das mulleres mozas , dende o ano 2008, “máis de 70.000 mozas abandonaron Galiza.”

Por outra parte, afirmou, “as mulleres galegas cada vez son máis pobres” cunha fenda salarial que aumentou case catro puntos, situando a hora de traballo das mulleres “moi por debaixo” da dos homes.

Mulleres de 45 a 50 anos ausentes no mercado laboral e sen prestacións

A parlamentaria explicou que moitas mulleres víronse obrigadas a abandonar o seu traballo para atender a fillos ou familiares e ao chegar os 50 anos, o “desemprego aumenta” así como a franxa das mulleres autónomas nun 12%. Isto evidencia que tras unha vida laboral de 30 ou 35 anos, aos 50 son despedidas ou deben pechar os seus negocios. Unha opción viable para este colectivo non é a emigración polo que deben enfrontarse a 10 o 15 anos sen ningún tipo de prestación.2 (1)

Para estes casos, dende o BNG propoñemos crear unha axuda para desempregadas cunha contía igual ao Salario Mínimo Interprofesional e con carácter indefinido.

 Plan de emprego feminino dependente da Consellería de Economía e Industria

Asemade, tamén propoñemos un “plan de emprego feminino” como contempla a Lei galega destacando: “ o acento nas mulleres maiores, e unha liña de axudas para empresas femininas”.

Estas medidas, explicou, deben depender do IGAPE ou de “calquera dos chiringos que ten montados a Xunta” pero dentro da Consellería de Economía e Industria para que o Goberno galego “tome en serio” a situación da perda de 1.900 postos femininos no ámbito industrial, e o peche definitivo de moitas empresas femininas.

Medidas propostas polo BNG3

Axuda na redución de xornada e excedencias por maternidade e coidado de fillos e fillas, creación dun grupo de traballo sobre a fenda salarial para igualdade entre homes e mulleres, impulsar a rede pública de servizos sociais e públicos e medidas que favorezan a integración da muller no mercado laboral foron algunhas das reivindicación formuladas pola nacionalista ás que engadiu a petición ao Goberno do Estado para ampliar a “6 meses” os permisos de paternidade e maternidade, unha bonificación total das traballadoras que substitúan a outras por abandono do emprego e compensación para aqueles profesionais que interrompan o seu traballo motivado por coidados.

Adán concluíu reclamando que o Goberno galego deixe “a residualidade” das celebracións e atalle definitivamente o problema laboral das mulleres galegas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG