O BNG pide a Sanidade que rectifique ante a dimisión de 9 profesionais da Comisión de Bioética

Montse Prado reclama a publicación do informe que provocou a dimisión dos membros da Comisión Galega de Bioética e que Sanidade asuma as súas conclusións sobre desigualdades na atención sanitaria

Montse Prado

A deputada do BNG, Montse Prado rexistrou hoxe, no Parlamento galego, diversas iniciativas sobre a dimisión de sete membros da Comisión de Bioética provocada por diferenzas coa consellería de Sanidade sobre medidas correctivas contra “as desigualdades na asistencia sanitaria” recollidas nun informe.

A parlamentaria estima que a Consellería “debe rectificar” e aceptar as conclusións da comisión en materia de asesoramento e orientación polo que reclama a publicación do devandito informe e a aplicación das recomendacións sobre normas e protocolos de actuación que atinxen a cuestións bioéticas.

A nacionalista considera que foron precisamente esas discrepancias as que provocaron a dimisión de sete profesionais da Comisión de Bioética ás que hai que sumar dúas persoas máis no mes de xuño e outra no mes de xullo.

Todo indica, engade Prado que a falta de entendemento entre Comisión e Consellería teñen a ver co funcionamento deste órgano colexiado e a “falta de independencia para realizar o seu labor” como demostra a negativa de Sanidade para publicar o último informe d@s integrantes da Comisión. Por esta razón, a parlamentaria presenta unha Proposición non de lei que será tratada en pleno pedindo “a rectificación” da consellería contra a dimisión d@s 9 profesionais e publicar “de inmediato” o informe elaborado pola Comisión Galega de Bioética sobre “Desigualdades na asistencia sanitaria”.

Francisco Jorquera comparece tras a Xunta de portavoces

Jorquera confirma que o BNG pedirá a dimisión de Rocio Mosquera e explicacións a Feijóo polo acontecido

Por outra parte, o portavoz do Grupo Parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, interpelado por esta cuestión na súa comparecencia ante os medios de comunicación tras a Xunta de portavoces, asegurou que o BNG criticou en diversas ocasións a “degradación da Sanidade Pública Galega” como consecuencia das políticas da titular de Sanidade e anunciou que no debate da Proposición non de lei, o “BNG pedirá a dimisión de Rocio Mosquera” e explicacións ao presidente da Xunta sobre o acontecido coa Comisión Galega de Bioética.

 

.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG