Rosana Pérez fai valer a soberanía como medio para atender as necesidades de GZ que Rajoy obvia

olaia24f5100A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu esta mañá á tribuna a defender as propostas de resolución do BNG presentadas con motivo do Debate de Política Xeral do estado.

Unhas resolucións, que como dixo a parlamentar, “teñen como obxectivo principal recuperar os dereitos sociais que este Goberno destruíu”, e puxo como exemplo a LOMCE e a Lei Mordaza, e “por outro lado o noso obxectivo é mellorar as condicións de vida dos galegos e galegas”.

Rosana Pérez explicitou “o noso dereito colectivo máis fundamental que empeza polo recoñecemento do lexítimo dereito a decidir na nosa nación e así ter capacidade para gobernarnos, sen dependencias”. A parlamentar nacionalista explicou que a soberanía política que “precisamos implicaría a garantía de poder vivir sen impedimentos na nosa lingua, de ter capacidade para recadar os nosos tributos en beneficio de Galiza” e así enumerou outras demandas como unha tarifa eléctrica propia, poder xestionar os nosos aeroportos desde “unha perspectiva de cercanía e eficacia”.

Continuou pola “prohibitiva AP-9, e poder xestionar tamén unha rede de infraestruturas e servizos ferroviarios propia en aras a unha conectividade interior da que agora carecemos”.

A deputada do BNG pasou a continuación a subliñar as necesidades dos nosos sectores produtivos: o naval, o lácteo, o pesqueiro e a conserva “sectores dos que dependen miles de postos de traballo e case a nosa supervivencia económica, que precisan de políticas firmes e decididas”.

Respecto aos traballadores de TVE e Comisión de Investigación ALVIA

Rematou a parlamentar nacionalista propoñendo ao Goberno “dúas medidas de elemental hixiene democrática: respecto á profisionalidade e aos dereitos laborais dos traballadores da televisión pública, sen intolerábeis inxerencias gubernamentais”. E a outra é “a constitución dunha Comisión de Investigación do sinistro do Alvia que permita depurar as responsabilidades políticas que procedan e esclarecer o sucedido”.

Rosana Pérez finalizou sinalando que “son pasos importantes para que a cidadanía non perda a credibilidade na política e nos políticos”.

As resolucións do BNG acaparan cuestións importantes para Galiza como as enunciadas pola deputada do BNG, e outras como a necesidade de incrementar o número de xulgados ou que o Goberno execute o 100% das asignacións orzamentarias contempladas para o noso territorio.

Ademáis, o BNG non esquece o deterioro de dereitos sociais, laborais e económicos, degradados polo Goberno. Así, demanda a derogación dunha serie de leis aprobadas polo Goberno Rajoy como a reforma laboral, as taxas xudiciais, a LOMCE e a reforma dos graos universitarios, a Lei Mordaza ou os decretos sanitarios de copagamento farmacéutico.

En materia enerxética, o BNG reclama a tarifa eléctrica galega e unha moratoria para impedir os cortes de luz nos fogares con probeza enerxética, e a paralización da privatización de AENA e a transferencia da xestión aeroportuaria a Galiza.

As deputadas do BNG demandan que os emigrantes retornados non teñan que tributar retroactivamente polas súas pensións, piden unha reforma da Lei Hipotecaria que recolla a dación en pago, e o respecto polos dereitos laborais e a profesionalidade dos traballadores de TVE, como ben dixo Rosana Pérez na súa intervención.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG