Vence advirte que o PP xa non agocha a súa estratexia de acoso á universidade pública

Xavier Vence, Salustiano Mato e Serafín Otero

Xavier Vence, Salustiano Mato e Serafín Otero

Xavier Vence, Salustiano Mato e Serafín Otero

O BNG advirte que o PP decidiu quitarse a careta e facer explícito no seu discurso que pretende acabar co sistema universitario público tal e como foi concibido ata agora: acceso universal ao coñecemento superior como peza clave da igualdade social e do desenvolvemento económico.

As declaracións da secretaria de Estado de Educación, Montserrat Gomendio, e as do propio Wert asegurando que o sistema universitario público é inviable porque o alumnado non paga suficiente, supón para o portavoz nacional, Xavier Vence, “un xiro copernicano mudando a idea de que a universidade é unha peza clave para o desenvolvemento económico e social”. “Xa non agochan o seu discurso”, advirte o dirixente do Bloque.

Tras un encontro co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, ao que tamén asistiu o candidato á Alcaldía de Vigo, Serafín Otero, salientou que é necesario “responder” a este “ataque sistemático porque é unha ameaza para o futuro da universidade pública de calidade e hai que respondelo con contundencia desde as universidades e tamén desde os grupos políticos”.

Neste sentido, explicou as propostas do BNG incidindo en dúas medidas concretas: dotar de máis financiamento ás universidades e oposición total ao decreto de 3+2, porque supón devalar a calidade do ensino para aqueles miles de estudantes que non podan pagar os elevados prezos dos postgraos. Por esta razón, a formación nacionalista propón que os prezos da matricula para os master sexan os mesmos que o prezo da matrícula para os graos.

En materia de financiamento, Vence fixo unha proposta concreta que implica unha dotación económica mínima de 450 millóns de euros anuais, - un 5,3% do orzamento autonómico con cifras de 2015-, fronte aos 374 millóns de euros deste exercicio, e garantir o persoal docente e investigador necesario, hoxe en risco pola taxa de reposición.

“No BNG estamos totalmente mobilizados para enfrontarnos a ese discurso de recorte porque é a dirección contraria á que hai que ir dunha sociedade e unha economía baseada no coñecemento”, argumenta, desde o convencemento de que a universidade ten que ser unha peza clave na formación de persoas, de creación de coñecemento e de investigación de utilidade para a sociedade e para as empresas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG