O BNG reclama expropiar á Igrexa “o uso” do Panteón de Galegos Ilustres e que sexa público

O PP rexeitou a proposta do BNG e propuxo crear un espazo co lugar onde están soterrados “os persoeiros de Galiza” e outro laico anexo ao Panteón dependente dun Padroado do Parlamento

Ana Pontón interpela ao conselleiro de Eduación e  Cultura pola perda de galegofalantes

A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe unha Proposición non de lei para devolver a titularidade e “uso civil” do Panteón de Galegos Ilustres, na actualidade en mans da Igrexa Católica.

Pontón comezou a súa intervención lendo o texto que negaba a licenza para predicar a oración no acto fúnebre en honor de Rosalía de Castro e sobre a petición da comisión do comité rexionalista ao arcebispo suplicando a revogación da orde que impedía conceder “a poetisa, católica, cantora da Virxe da Barca, do Pórtico da Gloria, do cemiterio de Iría....” todos os honores nun simple funeral con eloxio como se concede a todas as persoas aínda que profana, ilustre.

O texto, rescatado por Francisco Rodríguez no seu libro “Estranxeira na súa patria” recolle o acontecido co traslado dos restos de Rosalía ao Panteón de Galegos Ilustres, traslado que fixo posible que outras personalidades foran soterrados nese espazo, naquel momento, de titularidade do Concello de Santiago.

Rosalía foi soterrada no Panteón contra “o parecer dos administradores da Igrexa é só pola vontade unánime de todo o pobo de Galiza que a aclama e venera e a cal ninguén se puido sobrepoñer”.

Ana Pontón

Esta reseña dixo, forma parte da historia do noso país e do “esperpento” de que cen anos despois, Rosalía permaneza nun espazo do qué é titular esa mesma Igrexa que tentou impedir que alí fora soterrada polas críticas da escritora reflectidas na súa obra contra esta institución.

A parlamentaria reclamou “expropiar o uso” do Panteón de Galegos Ilustres e devolverlle o seu “carácter público”. Resulta “unha aberración”, remarcou, que un espazo que naceu laico e civil siga sendo tutelado pola Igrexa.

O PP rexeitou a proposta do BNG

 Agustín Baamonde, portavoz do Partido popular anunciou o voto en contra á Proposición non de lei nacionalista alegando que existe unha sentencia que outorga a titularidade á Igrexa. Baamonde propuxo crear un espazo no lugar onde están soterrados os “persoeiros galegos” e outro “laico” anexo ao Panteón e dependente dun Padroado do Parlamento.

Ana Pontón

A deputada reiterou que o BNG reclama exclusivamente a “expropiación do uso” e non da propiedade porque resulta legal e economicamente viable pero o PP “non ten vontade para resolver o problema”, a pesar de non poñer reparos cando anuncia que “expropiará as fincas non cultivadas”.

No Panteón de Galegos Ilustres están representadas as personalidades máis importantes, incluída Rosalía de Castro, fundadora da “nosa literatura contemporánea e a nosa escritora máis universal”. Vostedes están moi cómodas e cómodas con esta situación porque non lles importa Galiza, “nin a súa cultura, nin a súa lingua nin os seus símbolos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG