Rosana Pérez pide a comparecencia de Wert polas masivas denegacións de bosas universitarias

congresoBNG2A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou a comparecencia do Ministro de Educación, José Ignacio Wert, para que acuda á Cámara a dar explicacións polo elevado número de denegacións de bolsas universitarias que se produciron en Galiza.

A deputada do BNG quer que se aborde a cuestión da “raquítica política de bolsas do Goberno no Congreso, que non só denega becas a mansalva senón que reduce as contías nun contexto no que as rendas e os ingresos das familias caeron tremendamente”. Para Rosana Pérez a política deste Goberno en materia de bolsas “é nefasta pero sobre todo perigosa porque está poñendo cada vez máis obstáculos para que estudantes de familias con poucos recursos económicos poidan estudar en igualdade de condicións”.

A “política de Wert en bolsas é perigosa”

“É perigoso retroceder tanto no acceso á educación universitaria pública polas súas repercusións nas xeracións futuras. Na práctica, estáse a impór un modelo clasista e darwinista no que só poderán estudar os que máis teñen, cercenando as posibilidades de mozos e mozas procedentes de familias desfavorecidas”, sinala Rosana Pérez.

A deputada do BNG alude ás cifras de denegacións de bolsas universitarias por parte do Ministerio que na Galiza, e de momento, acadan a porcentaxe do 37% este curso. Desta volta van 9.859 solicitudes denegadas. “E non nos valen as trampas de Wert. Non nos vale iso de que se siguen concedendo o mesmo número de becas porque aumentou exponencialmente o número de alumnos que precisan axudas para poder emprender estudos universitarios”.

Polo tanto, conclúe a deputada do BNG, se o universo de demandantes aumenta tería que incrementarse de igual xeito o número de bolsas. “Por non falar doutro dos recurtes do Ministerio, que é a redución das contías das becas”.

Rosana Pérez insta ao Ministro de Educación a mellorar a política de bolsas, aumentando o orzamento e incrementando o número de beneficiarios.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG