BNG presenta iniciativa contra a redución dos graos universitarios a tres anos

Madrid, 31 de xaneiro de 2015.- A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei na Cámara na que insta ao Ministerio de Educación a non levar a efecto a reforma dos graos universitarios aprobada onte no Consello de Ministros e que supón reducir os graos a  tres anos máis dous de máster.

Rosana Pérez levará esta iniciativa a debate e votación nunha vindeira Comisión de Educación que terá lugar o 11 de febreiro.

A deputada do BNG realiza unha severa crítica da rebaixo dos graos universitarios porque “vai empiorar a calidade educativa do sistema público universitario, e para máis inri, o Ministerio está encarecendo enormemente a formación na Universidade posto que o custe dun máster é altamente prohibitivo”. Recalca Rosana Pérez que xa o modelo actual 4+1, catro anos de graos e un de máster, “supón xa unha carga onerosa para as maltreitas economías familiares”.

Rosana Pérez critica a Wert porque “esta reforma non ten sentido e por riba está cuestionada polo Consello de Estado e polos rectores”, ademáis das consecuencias negativas para os petos das familias con fillos na Universidade

Se por riba aumentan a dous anos de máster, “poderíamos dicer que o Ministro Wert está expulsando da formación universitaria aos alunos de clases sociais máis desfavorecidas”. Co panorama actual, esta decisión só ten dúas leituras: “que os estudos universitarios van ser un coto pechado para as familias con máis recursos económicos e instaurar unha educación universitaria elitista”.

Universidade para ricos

Para a deputada do BNG “voltaremos a tempos pasados nos que só estudaban os fillos dos ricos”.

Ademáis, a parlamentar nacionalista pón de manifeto outra cuestión relacionada cos negocios do ámbito privado. “O Goberno continúa alimentando ás empresas privadas do sector da educación ao darlles máis posibilidades de negocio con dous anos de máster”.

Rosana Pérez empraza a Wert a retroceder nesta idea polas consecuencias negativas que terá para os alunos, para o profesorado, para a calidade educativa e para as economías das familias.

Non ten sentido cando as xeracións do Plan Bolonia se graduaron no 2014

Alega Rosana Pérez que a reforma dos grados universitarios non gosta nin ao Consello de Estado nin aos rectores que manifestaron o seu desacordo. Nese sentido, destaca unha das críticas do Consello de Estado: o sistema do Plan Bolonia, o 4+1, aínda rematou de implantarse de xeito xeralizado en 2010, e as primeiras xeracións graduáronse en 2014. Sen esquecer  que aínda non se extinguiu por completo o Plan antigo de licenciatura na maior parte das Universidades.

Polo tanto, conclúe a deputada do BNG, “non vén ao caso reformar agora os graos posto que aínda non se puideron avaliar os efectos da adaptación ao Plan Bolonia”,.

Asemade, a deputada nacionalista insta ao Ministro a tomar nota das recomendacións do Consello de Estado e a dialogar coa comunidade universitaria e procurar o consenso, unha das recomendacións do Consello de Estado. Pérez critica a Wert porque “na recta final da lexislatura, non se lle ocurre outra cousa que dar un paso máis na súa política de destrucción dos sistema educativo público”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG