Galiza só sairá da crise coas ferramentas da soberanía política e financeira

Xavier Vence no Forum Nova Economía

Xavier Vence no Forum Nova Economía

Xavier Vence no Forum Nova Economía

Galiza non sairá nunca da crise ni verá unha recuperación real da súa economía aplicando as mesmas políticas de “capitalismo confiscatorio” que “salva” as finanzas especulativas pero desmantela os sectores produtivos, acaba coas Pemes e empobrece as familias, en miles de casos, ata deixalas na indixencia.

No caso galego, ás políticas de recorte de “radicalización ultraliberal”, hai que engadir a pexa do centralismo consentido por un presidente da Xunta que pratica o “entreguismo obediente a Madrid”.

O portavoz nacional, Xavier Vence, facía esta diagnose da situación na conferencia impartida no Forum Nova Economía, ao tempo que poñía sobre a mesa o que o BNG considera ferramenta imprescindible para unha saída real da crise: a soberanía política e financeira.

“A soberanía é a vía práctica para ter as ferramentas que permitan resolver os problemas concretos dos galegos e das galegas, os máis importantes no seu día a dia: emprego, salarios dignos, ter recursos para facer fronte as súas necesidades vitais, ter sanidade, educación e servios públicos de calidade”, argumentou, ao tempo que citaba tres eidos nos que resulta esencial exercer esa soberanía para superar a crise que son o financeiro, o enerxético e o alimentario.

Galiza, enfatizou Vence, “precisa un proxecto nacionalista e soberano” como o que representa o BNG e “precisa que o nacionalismo avance na sociedade e avance electoralmente” para “darlle a volta” a situación de emerxencia que reflexan os datos. “Non é doado pero é posible”, remarcou, ao tempo que enumeraba tres propostas concretas do Bloque para reverter o escenario actual.

Primeiro, substituír as políticas de recortes por unha política expansiva de gasto produtivo en investigación, educación e servizos públicos avanzados, o que conlevaría a creación de emprego e a reactivación da demanda no sector privado, vital para as Pemes.

Segundo, mudar o actual marco de financiamento autonómico por outro no que Galiza teña plena capacidade recadatoria e normativa. E, en tercerio lugar, incrementar os ingresos por medio dun imposto as grandes fortunas e ao capital financeiro que deben “pagar máis e pagar aquí”. Nunha primeira estimación, Vence cifra en 500 millóns de euros anuais o que poderían aportar só as nove maiores fortunas galegas se pagasen polo patrimonio que acumulan, 57.500 millóns de euros.

Galiza, pior ca media estatal

O lastre do centralismo fai que Galiza teña un comportamento pior ca media estatal, en particular no mercado laboral, con apenas un millón de ocupados, -“menos que hai trinta anos”-, mínimos históricos en poboación activa, en afiliación á seguridade social e unha taxa de paro que segue medrando en contra da tendencia estatal.

“Sectores produtivos acosados por vetos, reconversións forzosas, limitacións como as supertaxas, cotas leiteiras e pesqueiras”, denuncia Vence, unha balanza fiscal negativa para Galiza pese a ter un nivel de renda inferior á media estatal, a fuga do aforro bancario e as relacións de intercambio comercial “con prezos de colonia, baixos para o que producimos, sexa leite, peixe, carne, madeira, electricidade en orixe, e caros para o que consumimos, tarifa eléctrica común, carburantes, peaxes”.

“Todo para encher o burato madrileño e tapar a débeda do rescate de Bankia (180.000 millóns de euros), déficit tarifario das eléctricas (28.000), autoestradas radias madrileñas (5.000) ou 6.000 millóns de euros da T4”. “E mentres Feijóo se erixe en campión dos recortes e aplica con paixón as políticas recentralizadoras do PP”, denuncia.

Para o dirixente nacionalista “neste marco e coas políticas actuais non hai recuperación posible, nin saída da crise por moito que a maquinaria da propaganda mentirán do PP español e de Feijóo pretenda atordarnos”. Por iso, recalcou, “o nacionalismo e a soberanía é unha alternativa necesaria” ao tempo que valorou como positiva “calquera iniciativa que xurda da sociedade dispostas a traballar para fomentar a conciencia de país”.

Texto íntegro da confercia de Xavier Vence no Forum Nova Economía.

TEXTO INTERVENCION VENCE FORUM NOVA ECONOMIA

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG