Davila pide a Tejerina que aumente as cotas de xarda para o cerco galego e modifique os criterios

DSC_0666A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha pregunta parlamentar dirixida á Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para que teña flexibilidade e modifique os criterios estabelecidos no borrador de reparto das cotas da xarda e incremente as cotas previstas para o sector de cerco galego.

Critica a deputada do BNG o borrador elaborado pola Secretaría Xeral de Pesca para a distribución das cotas de xarda que causou unha grande preocupación no sector cerqueiro porque deixa a Galiza cun 25,5% meno de cotas para este ano. “O cerco contaría así con 2.626 toneladas, reducíndose en 900.682 quilos en relación ao pasado ano 2014”.

A deputada do BNG pón de manifesto que do cupo asignado ao caladoiro do Cantábrico Noroeste, ao territorio galego, asígnaselle o 25,99%, mentras que o País Vasco recibe o 46,37%. “O cerco galego amosou o seu malestar porque a pesar de que Galiza conta coa frota de cerco máis importante do estado, sofre recurtes de cotas por todas partes. E non sucede só coa xarda, senón tamén co xurelo e coa sardiña”.

Un sector moi golpeado polos recurtes de cotas

Destaca Davila que ao descenso das cotas nas zonas ibéricas, hai que sumar a importante redución de cotas por parte da UE , dun 15% para o estado español.

A deputada do BNG insta á Ministra de Agricultura a ter flexibilidade, e a ter en conta outros criterios para facer o reparto. “O cerco galego demanda que na distribución se teña en conta o número de tripulantes e non só o número de barcos. Sería desexábel que o Ministerio retrocedese na súa proposta e plantexase un incremento das cotas en función da tripulación”.

Razón pola que a deputada do BNG dirixe unha serie de preguntas á Ministra: “Que disposición ten o Ministerio a ter presente outros criterios como o número de tripulantes? Está disposto o Ministerio a aumentar as cotas de xarda para o cerco galego?”.

De igual xeito, a deputada nacionalista insta á Ministra a escoitar as explicacións da frota galega en relación á data de apertura da costeira da xarda, que considera o cerco galego que debe retrasarse até marzo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG