Negar o tratamento que salva vidas ás persoas afectadas pola Hepatite-C, a pior das corrupcións

Reunión coa Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite-C

Reunión coa Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite-C

Reunión coa Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite-C

O BNG seguirá apoiando todas as demandas dos afectados pola hepatite C tanto no plano institucional como social, para que teñan un acceso inmediato aos medicamentos de última xeración sen restricións de ningún tipo, e tacha de “cruel, execrable e criminal” negar un tratamento que pode salvar vidas.

“É a pior das corrupcións”, sentenciou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen replica ás medidas anunciadas por Feijóo que “acabar coa corrupción é pór fin a un goberno que non atende a demanda de persoas que, en situación dramática, solicitan un tratamento médico. É o principal acto de corrupción que pode cometer un goberno porque se destroza a vida de persoas por unha decisión política e administrativa ao negarlle un tratamento”.

Tras unha reunión cos representantes da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, o BNG anunciou que levará o debate de novo ao Parlamento para demandar do Goberno central e da Xunta acceso aos fármacos que curan a doenza sen restrición algunha para os doentes e, simultaneamente, presentará mocións en todos os concellos do país coa mesma reclamación.

Negociar coas farmacéuticas

Ao mesmo tempo, reclama ao Executivo de Rajoy “que negocie duramente” coas farmacéuticas para evitar que prime o afán de lucro aproveitándose “de situacións de extrema necesidade” sobre o dereito á saúde. “En todo caso, esa negociación debe ir en paralelo á garantía de tratamento inmediato”, reiterou Vence.

O Bloque acusou á consellería e ao ministerio de Sanidade de “mentir” cando alude a que se están xestionando os tratamentos con criterios médicos. “É mentira que se faga o que dictan os médicos, porque se lles impoñen uns protocolos elaborados con criterios políticos e económicos. Deben ter un acceso sen restriccións a todos os medios dispoñibles para atender ás persoas afectadas”, subliñou, porque “non se poden admitir máis mortos nunha sociedade civilizada sabendo que hai remedio”.

No encontro, no que tamén participaron as portavoces de sanidade no Parlamento e no Congreso, Montse Prado e Rosana Pérez, o representante da Plataforma Enrique Costas asegurou que “usarán todas as vías” para que os responsables políticos “paguen todo o dano que están infrinxindo”, incluída a xudicial, ao entender que pode haber responsabilidades penais por denegación dun tratamento médico e conclucar o dereito fundamental á saúde recollido na Constitución.

Desde a Plataforma denunciaron o “obscurantismo” tanto da consellería como do ministerio de sanidade á hora de facilitar datos e cifrou en 50.000 o número de persoas afectadas en Galiza, das cais 3.000 están en situación de “necesidade urxente de tratamento”.

Prazos e orzamentos, demanda o Bloque, “porque non é posible esperar máis cando se trata da vida das persoas para ás que existe remedio”, concluíu Vence.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG