BNG pide a Fomento máis servizos ferroviarios no Eixo Atlántico, saturados as fins de semana

FALANDO ESCANOAs deputadas do BNG no Congreso, Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila, presentaron unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para demandarlle ao Ministerio de Fomento que aumente os servizos ferroviarios no corredor do Eixo Atántico entre A Coruña e Vigo, para atender a alta demanda existente, especialmente os venres e domingos.

As parlamentares do BNG critican a saturación que sofre os servizos ferroviarios no Eixo, A Coruña-Vigo, días como os venres e os domingos cando máis viaxan os estudantes universitarios que realizan os seus estudos nos campus de Pontevedra, A Coruña, Vigo ou Santiago. “Son numerosas as imaxes que circularon estes días polas redes sociais e medios de comunicación, con vagóns atestados de persoas, moitas delas de pé, sentadas no chán ou nos corredores do tren. Unha saturación que leva a deixar a equipaxe solta por todas partes, bloqueando portas ou corredores”.

“Señora Ministra, atendan a alta demanda existente con máis servizos, máis prazas e máis frecuencias”.“Incluso en moitas ocasións non queda espazo para transitar polos trens, até tal punto de que nin siquera pasan os revisores”, sinalan as deputadas do BNG.

As deputadas do BNG critican os argumentos que oferece Renfe porque “as explicacións da compañía non nos convencen porque, como é habitual, sitúanse no inmovilismo”. Reprochan a Renfe que diga que non hai problemas de seguridade, e sorprende que “nun territorio como Galiza que non ten servizos de cercanía, Renfe equipare os servizos de media distanza cos de proximidade ou cos autobuses urbanos para xustificar o inxustificábel”.

Ademáis, acusan a Renfe de non ter en conta as condicións socio-económicas dos viaxeiros, neste caso estudantes, cando alega que “so viaxeiros poden garantir o seu asento adquirindo billetes con Tarifa 4, que só vende prazas sentadas pero obvia un “detalle”, que son máis caros. Os de Tarifa 2, máis baratos son os trens que realizan máis paradas e que probabelmente atenden mellor as necesidades dos usuarios que viaxan a diferentes puntos”.

As explicacións de Renfe non son convincentes

Para as parlamentares nacionalistas os argumentos de Renfe “son pouco convincentes”. Primeiro, porque non caben as equivalencias entre trens de media distanza e os de cercanías. Os de proximidade contan con máis frecuencias horarias”. En segundo lugar, “emprazar a estudantes universitarios a mercar billetes de Tarifa 4 para asegurar os asentos é non entender o mundo económico dos universitarios”. “Son estudantes non brókers da bolsa”.

As deputadas do BNG reclaman a Renfe que aposte polo tren na Galiza, que incremente os servizos ferroviarios con máis frecuencias horarias ou poñendo trens de doble composición no corredor entre Vigo e A Coruña para ter máis prazas. E recrimina a Fomento que reste importanza á seguridade cando moitas persoas viaxan de pé e coa equipaxe por todas partes. “De verdade, cre a compañía que é seguro viaxar en liñas de media distanza nesas condicións? Por que non atende a alta demanda existente?”.

Por iso, insta a Fomento a “tomarse en serio a situación do mapa ferroviario en Galiza e implicarse na súa mellora e na súa potenciación?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG