Parabéns ao pobo grego pola contundente labazada á Troika e ao modelo fracasado da UE

Eleccións Grecia 2015

Eleccións Grecia 2015

O BNG considera que o resultado das eleccións en Grecia coa vitoria de Syriza supón “unha labazada” e unha “contestación sen paliativos” ás políticas “desastrosas” da Troika e a un modelo de Unión Europea “fracasado”, que o BNG leva tempo criticando porque “está levando por diante todas as conquistas históricas e o benestar da poboación”.

O portavoz nacional, Xavier Vence, expresou os parabéns do Bloque polo feito de que o pobo grego “reaxira con forza” fronte ás políticas da Troika. “Estamos esperanzados de que este paso signifique un xiro para Grecia pero tamén un primeiro chanzo dun cambio en profundidade na Unión Europea”, salientou, “conscientes de que vai haber dificultades e de que xurdirán moitos inimigos para impedir que se dea ese proceso”.

Para o dirixente nacionalista, o resultado dos comicios reflicten que o pobo grego “entende que nun acto de soberanía ten que marcar distancias coas políticas da Troika e emprender unha senda que non é a da austeridade e os recortes, senón a senda da negociación dunhas relacións diferentes coa UE e de preservación das conquistas históricas do estado do benestar nese país”.

Vence reiterou que van sementar de dificultades o camiño que agora emprende Grecia co Goberno que encabezará Syriza, pero confía en que teña “a valentía” de levar adiante o seu programa e demanda aos demais países europeos “que non torpedeen a vontade maioritaria do pobo grego”.

Preguntado pola translación deste resultado a Galiza, Vence salientou que o BNG ten un proxecto nacional, “que incorpora unha defensa da soberanía do país fronte as inxerencias da Troika e da UE que comparte moitos aspectos do que onte gañou en Grecia”.

Pero cunha diferencia clara, “que temos un proxecto para Galiza, non para Grecia nin para o Estado español, un proxecto galego, que pasa por reivindicar a soberanía de Galiza igual que os gregos reivindican a soberanía para o seu país para poder facer políticas diferentes ás que ata agora lle ditou a Troika”, subliñou.

“Obviamente, temos un marco diferente”, e a nosa pretensión é “sumar cidadanía” arredor do BNG-Asembleas Abertas con todos e todas ás que “compartan un proxecto soberanísta e transformador para Galiza e compartan que este país precisa pasar a páxina do PP e das políticas desastrosas da dereita que tamén impón aquí a Troika”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG