O G.p do BNG protesta polo formado do pleno de corrupción convertido nun plató de TV para Feijóo

O Grupo parlamentario do BNG cualifica de "curiroso" o  modo de actuar  da Xunta na "busca de dialogo e posibilidades de acordo" e censura que nun tema de "tanta relevancia", os portavoces parlamentarios  dispoñan tan só de 10 minutos para intervir negádolles a facultade  de presentar propostas de resolución  contra a corrupción. Francisco Jorquera pide no escrito dirixido á Presidenta da Mesa do Parlamento, Pilar Rojo que reconsidere o formato do pleno e traslade "o profundo malestar" do Grupo parlamentario nacionalista, á Mesa do Parlamento.

Texto do escrito remitido `polo portavoz do Grupo parlamentar do BNG á Presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo.

Á Presidenta do Parlamento Galego

Sra. Dna. Pilar Rojo Noguera

Presidenta do Parlamento Galego

 

Estimada Presidenta,

Pola presente trasládoche o malestar do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego pola organización do debate do Pleno Extraordinario do vindeiro 27 de xaneiro, no que comparecerá o Presidente da Xunta de Galiza para “informar das medidas de impulso democrático”.

Consideramos incomprensíbel que á comparecencia do Presidente da Xunta de Galiza nun Pleno Extraordinario, para debatir unha cuestión desta transcendencia, se lle dea o mesmo tratamento que a unha comparecencia ordinaria dun membro do Goberno.

O Goberno galego limitouse a trasladar ao Parlamento galego o escrito de solicitude de comparecencia, sen aportar aos grupos parlamentares información algunha sobre as medidas de impulso democrático sobre as que petende “informar”.

Ademais, como ben sabes, na Xunta de Portavoces desatendeuse a nosa proposta de que o debate permita a posibilidade de que distintos grupos presenten propostas de resolución que poidan ser obxeto, nunha sesión posterior, dun debate e votación específica. Incluso se desatendeu a nosa petición de, tan sequera, poder ser escoitados para facer suxestións, antes de fixar os tempos de intervención.

A consecuencia é que, nunha cuestión da relevancia da loita contra a corrupción, os portavoces disporemos de tan só 10 minutos para expór a nosa posición, sen podermos presentar formalmente propostas e sen coñecemento previo das propostas do Goberno.

Cremos que este proceder é un curioso xeito de buscar o diálogo e as posibilidades de acordo por parte da Xunta de Galiza, pero ademais é unha manifesta falta de respeto ao Parlamento, que é pouco menos que utilizado polo Presidente da Xunta como un plató televisivo no que se reserva aos deputados e as deputadas o papel de figurantes.

Non teño que che lembrar que o Parlamento de Galiza é a institución central do noso autogoberno, que en toda democracia é ao Parlamento a quen lle compete decidir sobre as medidas de impulso democrático e que entre as túas funcións como Presidenta está asegurar a independencia da institución respecto do Goberno, e asegurar a boa marcha dos traballos da Cámara.

 

Polas razóns devanditas pídoche que reconsideres a ordenación do debate do Pleno extraordinario. En caso contrario, trasládoche xa o profundo desacordo do Grupo Parlamentar do BNG.

 

Atentamente

 

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2015

 

 

Asdo.: Francisco Xesús Jorquera Caselas

Portavoz do Grupo Parlamentar do BNG

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG