O BNG felicita o pobo cubano polo triunfo frente ao Imperialismo

Revolución cubanaO Bloque Nacionalista Galego (BNG) enviou unha comunicación ao Partido Comunista de Cuba (PCC) e ao pobo cubano manifestando a satisfacción polo inicio de conversacións para restablecer as relacións institucionais entre Cuba e os Estados Unidos, así como pola liberación do tres patriotas cubanos que aínda permanecían presos en cárceres norteamericanos. O BNG afirma que ambas as noticias supoñen un triunfo incuestionábel da Revolución e do pobo de Cuba, que foi capaz de resistir o bloqueo criminal imposto ilegalmente polos Estados Unidos á vez que avanzaba na construción dunha sociedade nova, xusta e igualitaria a partir da propia realidade e sobre a base da soberanía e a independencia nacional de Cuba.

Por iso o BNG felicita o Goberno e o pobo de Cuba e fai votos para que este proceso que agora se inicia abra o camiño para a plena restitución da legalidade internacional e o pleno respecto da soberanía de Cuba. “Somos conscientes de que haberá aínda moitas dificultades por diante e tamén novas tácticas do imperialismo para tentar dobregar a Revolución cubana e manter a súa estratexia de dominación sobre outras nacións e pobos. Pero tamén coñecemos a determinación do pobo cubano, demostrada ao longo de máis de 50 anos de firmeza patriótica e revolucionaria, para escogar e defender o seu propio camiño. É esa determinación e firmeza a que obrigou aos Estados Unidos a recoñecer o fracaso da súa estratexia criminal de bloqueo a Cuba e a que garante a plena continuidade dos obxectivos da Revolución cubana”, afirma o comunicado do BNG.

O Bloque Nacionalista Galego valora que neste momento os pobos de América Latina, que foron historicamente obxectivo prioritario de dominio para o imperialismo norteamericano, están a construír o seu propio futuro en liberdade e demostrando de forma inequívoca a súa vontade de independencia. É por iso que, como forza política que loita pola soberanía nacional da nosa nación, Galiza, o nacionalismo sente como propias as vitorias de todos os pobos que conquistan e preservan a súa soberanía e independencia nacional para a pór ao servizo dos traballadores e traballadoras e da construción dunha sociedade nova, xusta, igualitaria e libre. Nese camiño a Revolución cubana foi sempre un exemplo para outros pobos e continuará séndoo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG