En resposta ao BNG, a Xunta recoñece que paralizou as obras da Costa da Morte

O BNG esixe saber en que momento foron paralizadas as obras e porque a Xunta o ocultou aos veciños.Ana Pontón cualificou de “xestión neglixente” pagar tres veces máis pola infraestrutura e reclamou os expedientes que o PP oculta á Cámara galega.

Ana Pontón en comsión

A deputada o BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta na comisión de Ordenación do Territorio sobre o cumprimento da lei en materia de contratos públicos coa execución da autovía da Costa da Morte.

Na súa intervención, a deputada reclamou “a copia integra do expediente” e preguntou que ten que ocultar o Partido popular para que o BNG acceda a esa documentación.Si nos vai dicir que vaiamos á Xunta para consultar expedientes parciais, dixo, “non nos vale”, porque temos dereito a copia íntegra dos expedientes.

Xestión económica neglixente da Xunta

A parlamentaria insistiu no informe dos Servizos xurídicos do propio Parlamento que recoñece a “ilegalidade” da modificación iniciada polo Goberno galego sobre o contrato ao que sumou a ausencia dun “informe rigoroso da Xunta” que xustifique que seis millóns de euros eviten a quebra económica da Xunta cando por outra parte, manifestou, “tentan convencernos da súa situación boiante e que estamos saíndo da crise”.

Parécenos “moi grave” pagar tres veces máis do custe dunha autovía na que a Xunta non está a defender o interese xeral que sería “dotar de infraestruturas modernas a Costa da Morte para favorecer o seu desenvolvemento e non ao ditado dunha construtora “ que ademais parte aparece na trama Gürttel, abondou

A Xunta recoñece que autorizou a paralización das obras

O director Xeral da Axencia galega de Infraestruturas, Francisco Menendez comprometeuse a remitir os expedientes e defendeu á xestión da Xunta alegando que non se produciu ningún incumprimento nos prazos da execución obras porque a Xunta autorizou a paralización das obras, polo tanto, non hai penalidades neste contrato. “Non é posible rescindir o contrato e executar a autovía porque implicaría o pagamento dunha responsabilidade patrimonial de 40 millóns de euros” cantidade investida ata este momento.

Ana Pontón

A deputada do BNG respondeu que este dato é “moi relevante” porque pon de manifesto que a Xunta “ocultou esta paralización durante os últimos meses” e preguntou en que momentos se produciu esta suspensión.

O BNG acusa ao PP de “falta de credibilidade”

Pontón lembrou que o BNG denunciou a ilegalidade de contratos que agora son investigados pola Xustiza na Operación Zeta mentres a Xunta o negaba o que nos leva a pensar que o Partido popular “carece de credibilidade” tamén neste asunto. Hai unha evidencia, afirmou, a Xunta non aplicou as penalidades incluídas no contrato coa concesionaria da Costa da Morte e neste caso o PP e a Xunta “incumpren de maneira flagrante o seu compromiso cos veciños e veciñas da Costa da Morte”.

A xunta pagará 617 millóns de euros por 27Qm fronte a 540 M€ por 60 Qm

A autovía tiña que estar finalizada e o que temos, apuntou a deputada, é “un contrato vulnerado e unha xestión económica neglixente”, con 617 millóns de euros por 27 Qm de custe inicial. Ademais, engadiu, terán que explicar porque se ese é o calculo previsto, ao facer o sumatorio dos pagos anuais do canon nos orzamentos da Xunta aparecen 745,8 millóns de euros, e dicir un sobrecoste de máis de 100 millóns.

Por esta obra imos pagar “tres veces máis do custe real” e explicou que na primeira adxudicación de 60 qm o custe era de 540 millóns de euros. Despois de seis anos vanse facer 27 qm por 617 millóns, o que, ao seu xuízo, evidencia unha “mala xestión dos recursos públicos.

Nesta liña abondou nas razóns polas que a Xunta, despois de recoñecer nos anos 2012 e 2013 “os problemas de financiamento da empresa” non revogou a concesión modificando posteriormente a lei de contratos públicos para beneficiar os intereses da concesionaria. “Os únicos responsábeis de impedir que haxa unha autovía na Costa da Morte é o Partido popular e o Goberno galego”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG