O BNG participa na cadea humana da Ponte das Pías por un futuro para a Comarca de Ferrolterra!

Vence na cadea humana na Ponte das Pías

CADEA HUMANA PONTE DAS PIAS4Cunha taxa de paro que supera o 30% e camiño da desertización industrial, o portavoz nacional, Xavier Vence, insta ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, a explicar en Ferrolterra onde está o final da crise que pregoa.

“O que me gustaría e que estes días que o señor Rajoy está proclamando que a crise xa é historia veña a Ferrol a explicarlle á cidadanía onde está o final desa crise, porque aquí o que temos é unha taxa de paro que supera o 30% e un proceso de destrución de empresas con ameaza de peche incluso dalgunhas tan importantes como é o caso de Megasa”, reclamou Vence no acto da cadea humana sobre a Ponte das Pías organizado pola CIG reivindicando un futuro para esta comarca.

Para o dirixente nacionalista, a propaganda non traerá traballo aos estaleiros galegos, senón proxectos concretos con pedidos e busca de mercados que deben plasmarse nos orzamentos do Estado.

Vence na cadea humana na Ponte das Pías

“Reclamámoslle que demostre cales son as políticas para saír da crise con plans para dar carga de traballo a Navantia nas factorías de Ferrol e Fene, propostas concretas para aproveitar o levantamento do veto a partir de xaneiro de 2015, cun plan por parte da dirección da empresa de busca de pedidos e de mercados e a contratación de persoal para poñer a factoría a funcionar”, alegou.

Neste sentido, Vence pide a Rajoy e Feijóo que expliquen os proxectos concretos para activar a construción naval nesta comarca. “Pero pola información que temos e polo que se ve nos orzamentos non hai nada para sacar adiante os proxectos que darían carga de traballo aos estaleiros desta comarca, como a construción do dique flotante para ser competitivos na reparación de buques de gran calado”.

Pese a ausencia de iniciativas do PP no Estado e na Xunta, -dixo-, “os nacionalistas non renunciamos ao futuro do país, como non renunciamos ao futuro desta comarca, estamos aquí, unha vez máis, demandando medidas concretas”.

Jorquera e Adán na cadea human na Ponte das Pías

“Son necesarias medidas urxentes de reindustrialización para Ferrolterra e non podemos permanecer impasibles ante a desertización dunha comarca que outrora foi un referente industrial do país”, demandou Vence, para quen é preciso “frear o proceso de peche de empresas e poñer en valor todas as infraestruturas do sector naval para crear emprego e riqueza”.

O acto reivindicativo baixo o lema Amarra o teu futuro organizado polo sindicato nacionalista foi apoiado e secundado polo BNG, coa presenza na cadea humana do portavoz nacional, Xavier Vence, do portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, da deputada responsable de Industria, Carme Adán, e da deputada no Congreso, Rosana Pérez entre outros responsables políticos nacionais e locais do Bloque.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG