Ana Pontón lamenta "a falta de compromiso" da CRTVG coa dobraxe

Comisión de Control da CRTVG

A deputada reclamou ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo “falar” co sector e comprometerse a executar os fondos orzamentados para este ano e o 2015

Ana Pontón en comisión

A deputada do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta ao director xeral da CRTVG sobre a execución dos orzamentos dos anos 2011-12-13 e 2014 para a dobraxe en lingua galega de produtos televisivos.

Pontón explicou que este sector, articulado en Galiza para a emisión de programación en lingua galega, amparado pola lei de Normalización lingüística co fin de facilitar a produción, dobraxe, subtitulación de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega, padece unha “grave crise ” ante a falta de execución dos fondos destinados a CRTVG.

A deputada asegurou que existe unha grande calidade lingüística neste ámbito, mesmo recoñecida pola Real Academia Galega sobre o labor dos equipos de dobradores e dobradoras galegos pero neste momento, dixo, o sector está “nun momento crítico” do que é coñecedor o propio director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo.

A parlamentaria denunciou que a maior parte dos traballadores están en paro e de non consolidarse a “dobraxe en galego” corre un grave risco no futuro polo que preguntou pola execución dos orzamentos destinados á dobraxe nos anos 2011-2012-2013 e 2014 ante a “opacidade” de datos, e pola porcentaxe de produtos emitidos de nova dobraxe.

Comisión de Control da CRTVG

Pola súa parte, o director xeral da CRTVG comprometeuse coa deputada do BNG a remitirlle os datos dos últimos anos sobre o financiamento do sector e afirmou que a adquisición de novos produtos audiovisuais resulta moi complicado porque é un “mercado cautivo”. En Europa, afirmou, a tendencia é reducir a dobraxe a linguas maioritarias ou utilizando outras alternativas como a narración literal por unha voz. A dobraxe,engadiu, está a mudar “vertixinosamente” o mercado e o comportamento das audiencias que prefiren “producións propias”, circunstancia que compromete o futuro da dobraxe.

A parlamentaria replicou que existe “unha responsabilidade directa da CRTVG co sector” e dende o BNG, dixo, consideramos que 400 postos de traballo merecen un compromiso pola súa parte e unha explicación da “non execución dos fondos para dobraxe nos últimos anos”. Pontón tamén preguntou se serán executados os orzamentos consignados para este ano e para o 2015.

A nacionalista afirmou que de ser executados, o sector da dobraxe sería viable e permitiría a súa profesionalización, “o grave, dixo, é que se destrúe o traballo de 30 anos” polo que pediu a Sánchez Izquierdo reunirse co sector e comprometerse a executar as partidas deste ano e do ano que ven.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG