Ana Pontón pide paralizar as obras mineiras no entorno da Cova de Eirós

Ana Pontón e Cosme Pombo

 Mentres a  parlamentaria asegurou que as filtracións de auga e voaduras de explosivos danan de maneira “irreparábel” o importante valor arqueolóxico e pinturas rupestres albergados na Cova, o  Partido popular acusa ao BNG de "proteccionismo excesivo" co patrimonio cultural galego

Ana Pontón e Cosme Pombo na Comisión de Cultura

A deputada defendeu, a través dunha Proposición non de lei, paralizar a actividade mineira na contorna da Cova de Eirós para evitar graves danos na importante mostra rupestre, “máis antiga de Galiza” e un dos xacementos paleontolóxicos cos restos do oso cavernario más relevantes da Península Ibérica.

A nacionalista apuntou as causas dos danos reflectidas nun “exhaustivo” informe elaborado pola Asociación Ecoloxista ADEGA entre as que destacou: “ Escavacións e retirada de material sobre a cova, usos de explosivos na explotación mineira e deterioro da imaxe pública e a súa contorna”.

Pola súa parte, o portavoz do PP, Agustín Baamonde, acusou ao BNG dun “proteccionismo excesivo” que pode repercutir negativamente na vida das persoas asentadas no territorio no que está ubicado ese patrimonio.

O PP coincide na diagnose do BNG pero vota en contra de protexer a Cova de Eirós

O exposto polo BNG, dixo, Baamonde “ é correcto” pero “incompleto”. Hai dúas posturas diferentes, explicou, por unha banda a defensa a “ultranza” do patrimonio e a súa protección e por outra, a defensa dos intereses das persoas que habitan o territorio. O BNG, dixo, opta pola paralización da actividade mineira e nós defendemos “ que é perfectamente compatible” a protección da Cova de Eiros cunha actividade porque os informes emitidos teñen “presunción de veracidade” mentres ninguén os anule ou impugne.

Ana Pontón e Cosme Pombo

Na réplica, a parlamentaria do BNG acusou ao PP de “falta de sensibilidade” e negou que o problema sexa de “proteccionismo excesivo” como afirmou o portavoz popular. Aquí, dixo, estamos ante “a indefensión” dun patrimonio colectivo dun país e da Humanidade e non temos dereito a “mirar para outro lado” porque está en risco algo con gran relevancia económica, social e cultural.

O PP acusa ao BNG de “excesivo proteccionismo” co patrimonio cultural

Vostedes, dixo, “poñen a venda ante os ollos” e saben que se o concello da marcha atrás é porque existían problemas coa licenza e que as denuncias “eran veraces”. Se a lei ditamina que as pinturas rupestres deben ser protexidas, vostedes non poden dicir que todo é “unha cuestión de proteccionismo absoluto”.

Neste sentido, recalcou que se está a producir unha “vulneración da legalidade” e a Xunta vulnera a Lei de Patrimonio para impoñer “a barbarie da destrución do noso patrimonio”.

A deputada mostrou a súa vontade de chegar a un acordo na Comisión de Cultura co Grupo do Partido popular, despois de anunciar o resto dos grupos o apoio á proposta nacionalista.

Finalmente, o Partido popular impediu que a Proposición non de lei, defendida por Ana Pontón, prosperara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG