Tereixa Paz acusa ao PP de tentar arrebatar os montes comunais para privatizalos

A parlamentaria defendeu unha moción para cancelar as débedas derivadas dos convenios e consorcios coas comunidades de montes

Tereixa Paz

A parlamentaria nacionalista reprobou a disposición da lei de Montes que posibilita a expropiación de terreos das comunidades de montes pendentes de débedas por consorcios e convenios. Paz asegurou que a devandita disposición non responde aos intereses xerais máis ben, afirmou, “Ence, Finsa e empresas privadas de xestión forestal cobizan eses latifundios para seguir practicando unha política que empobrece os montes galegos e o medio rural”.

A deputada respondeu ao portavoz do Partido popular, Xosé Manuel Balseiro que , “ os montes non se poden embargar pero o Partido popular pretende quitarlles o uso e a capacidade de xestión” @s comuneir@s.

A parlamentaria explicou que as comunidades de montes queren xestionalos en condicións e son os que están na rúa “denunciando este atraco”. O BNG, durante o Goberno bipartito explicou, Paz, estaba a piques de elaborar unha nova lei de Montes que contemplaba a resolución da lei do Estado sobre convenios e consorcios a “custe cero”.

A nacionalista destacou a singularidade dos montes veciñais en mancomún da que dixo “só pervive en Galiza e Norte de Portugal”, de orixe xermánica e titularidade pública e ademais, engadiu, son singulares polas súas funcións de tipo social, demográfico, ambiental e territorial con 700.000 hectáreas.

As comunidades de Montes sempre foron motivo de cobiza durante o franquismo e para permitir o asentamento dunha industria tan lucrativa como Ence-Elnosa pero cando os lexítimos propietarios recuperaron os terreos, agora seguen sendo obxecto de cobiza por parte do fisco español con tributos “aberrantes”.

As empresas que se dedican as plantacións masivas queren facerse coas hectáreas dos montes comunais,remarcou, e “eses son os intereses que está a defender a Xunta” a través da Lei de Montes para espoliar os terreos.

A Xunta decide, “unilateralmente” a cantidade de debe pagar a comunidade de Montes á Administración cando en realidade “debería ser ao revés” porque tras a subasta da madeira procedente dos montes conveniados e consorciados, o 30% ou 40% xa vai destinado ao erario público.

O Partido popular votou en contra da iniciativa nacionalista que reclamaba cancelar as débedas de convenios e consorcios e establecer liñas de investimento público para as comunidades de montes pra deslindes e elaboracións de plans de ordenación e certificación forestal

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG