Paz deixa no escano do conselleiro un catering de “mala calidade” parecido o dos comedores escolares

Paz deixa a bandexa no escano do conselleiro

A parlamentaria depositou no escano de Jesús Vázquez unha bandexa cunha peza de froita pasada, un pequeno filete de polo , pan e un “mexunxe” de baixa calidade semellante ao servido pola empresa de catering, Serunión S.A en comedores escolares

Tereixa Paz amosa a bandexa cos alimentos

A deputada do BNG, Tereixa Paz denunciou hoxe a privatización dos comedores escolares e a posta en marcha dun sistema de catering denunciado nos últimos tempos por nais e país ante a “ínfima calidade e cantidade dos alimentos” e malas condicións no transporte.

No transcurso da súa intervención, a deputada amosou unha bandexa, que posteriormente depositou no escano do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez moi semellante a que serve o servizo de catering da empresa Serunión, S.A. composta por unha peza de froita murcha, un anaco de pan, un filete de polo e un “mexunxe” de baixa calidade.

Bandexas con alimentos de baixa calidade e pouca cantidade a 4,5 euros

A nacionalista manifestou que nos últimos tempos producíronse “numerosas queixas” de pais e nais contra o servizo de comedor do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, tanto en relación coa calidade da comida como nas condicións da presentación, queixas que estendeu a outros centros educativos galegos.

Tereixa Paz amosa a peza de fruta do catering para comedores escolares

As queixas da comunidade educativa, dixo, céntranse sobre o material empregado pola empresa concesionaria, “bandexas onde se depositan os alimentos en estado pouco hixiénico así como falta de condicións hixiénico-sanitarias no transporte da comida”.

A deputada afirmou que o estado da furgoneta que transporta os alimentos “non é o dun vehículo isotérmico, máis ben parece dedicado a trasladar cans de caza”.

Ademais, diso preocupación pola elaboración dos menús “escasos e pouco elaborados” tanto nutricionalmente como na presentación, e no caso de alimentos frescos “son cuestionábeis” como demostrou amosando dende a tribuna diversas fotografías.

Un menú miserento a prezo de luxo

 Por outro lado, resulta inadmisíbel, que a teor da normativa aprobada polo Goberno Galego en relación co repago dos comedores escolares, haxa familias que teñan que aboar 4,5 € diarios por un menú servido composto por cinco croquetas, un anaco de pan, unha sopa, e unha peza de froita, en condicións lamentábeis. “Un menú miserento a prezo de luxo” que deben aboar as familias.

A deputada mostra a foto da furgoneta que transporta os alimentos

A alarma, explicou a deputada, non fixo máis que incrementarse cando a comunidade educativa coñeceu que esta empresa é investigada pola Comunidade de Castela-León por atoparse na sopa dun menú escolar “larvas brancas de gurgullo dun centímetro de lonxitude”.

Finalmente, a nacionalista considerou que a “gravidade da situación” require a rescisión inmediata do contrato.

O PP abre expediente a empresa pero non rescinde o contrato.

Pola súa parte, o portavoz do PP, Rodríguez Román acusou á deputada de tentar politizar a cuestión e informou da apertura dun expediente á empresa ao que a nacionalista replicou que non era suficiente porque estaba en risco a saúde do alumnado e reclamou “a suspensión cautelar do contrato” ate o remate do proceso. Si quixera politizar este tema, contestou Paz, ao mellor teríamos que comprobar se as persoas que elaboran as comidas contan co carné de manipulador/a.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG