O Presidente de RTVE resposta a Davila que a Onda Corta voltará pero non concreta nada

DSC_0669A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse esta mañá ao Presidente da Corporación de RTVE para exixirlle que “repoña a Onda Corta de REE tal e como estaba antes”.

Davila recolleu as ambigüas manifestacións do José Antonio Sánchez quen se limitou a sinalar na súa inicial intervención que “se recuperarᔠpero sen concretar nada máis. “Vostede acaba de dicer que a Onda Corta se recuperará pero non deu máis detalles, e a información da que dispoñemos é preocupante”.

Así puxo de manifesto que a proposta de RTVE que circula é a de emitir só catro horas diarias de Onda Corta de luns a venres nun horario de 20 horas a 00 horas. Unha emisión limitada que non chegaría “a todas partes do planeta, da que quedarían excluídas zonas como o Índico e o Pacífico”.

Na réplica, José Sánchez Izquierdo respostou a Davila que o tema da Onda Corta “é complexo desde un punto de vista técnico” e que os técnicos o están a estudar. Engadiu que “imos voltar a emitila” e que “a decisión política está tomada pero non podo dar máis detalles”. Tamén afirmou que a emisión no Índico e no Pacífico “quitouse hai dous anos”.

A Onda Corta: “o único vínculo que os mariñeiros teñen coa terra”

A deputada do BNG subliñou que o peche da Onda Corta afecta moi especialmente ao colectivo dos mariñeiros, “un colectivo moi sensíbel porque como eles dín a Onda Corta é o único vínculo de comunicación que teñen coa terra”. Sinalou que tanto mariñeiros como cooperantes e tamén militares en misións fóra, “víronse sorprendidos pola noticia do peche e o están a viver con dramatismo, sobre todo os mariñeiros porque é o único enlace que teñen. Sabe vostede que non teñen posibilidade de internet nin outras vías a bordo”.

Para resaltar a importanza deste servizo público de radiodifusións, Davila lembrou aos mariñeiros do “Ankara” secuetrados hai anos. “Cando chegaron á terra describiron o que para eles representou escoitar no tempo de secuestro o programa de “Españoles en la mar”.

Olaia Fernández Davila demandou ao Presidente da Corporación que se recupere a emisión da Onda Corta na súa integridade, recuperando toda a parrilla de programación que había antes e o horario completo. “Pedímoslle que garanta a comunicación en todo o planeta, sen excepcións, e conminouno a abandonar criterios economicistas nesta cuestión. “Deixe os criterios de rendabilidade porque é un servizo público que non se debe medir pola contía de ouvintes senón pola necesidade que grupos sociais teñen de comunicación”.

Negro futuro para a Onda Corta

Na súa inicial intervención, o Presidente da Corporación de RTVE non deu esperanzas futuras para a Onda Corta posto que afirmou taxativamente que “a Onda Corta no futuro desaparecerᔠe puxo como exemplo á BBC, da que dixo que só emite unha hora ao día de Onda Corta.

En relación á estrea de José Sánchez Izquierdo como Presidente de RTVE, Davila afirmou que “non pode xulgar unha xestión que aínda non se produciu pero os seus antecedentes non nos deixan tranquilos”. Criticou a falla de pluralidade nas informacións de TVE e puxo de manifesto que “o feito de que constantemente se fagan preguntas nesta Comisión sobre a falla de pluralidade en TVE é un mal indicador”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG