BNG vota en contra da proposición do PP para axilizar o Tratado de Libre Comercio EE.UU-UE

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu esta tarde á tribuna do Congreso para criticar a proposición do PP “para a consecución do Tratado de Libre Comercio EE.UU-UE (TTIP)” e explicitar o voto en contra das nacionalistas galegas a esta iniciativa.

Rosana Pérez presentou unha emenda á proposición do PP para basicamente peder transparencia, información e que se facilite toda a documentación sobre este Tratado aos grupos parlamentares. Ademáis, censurou o oscurantismo co que se está a negociar e demandou que o Goberno se posicione contra calquer Tratado que supoña a merma dos dereitos laborais, socio-económicos, sanitarios, medioambientais ou a desregulación total das normas e que implique a cesión da soberanía.

O BNG alerta das consecuencias no ámbito laboral, sanitario, medioambiental, económico, xurídico e incluso de cesión de soberanía

Unha das demandas principais do BNG en relación a este Tratado é que se debate e se vote no Congreso debido ás súa importantes repercusións sobre a poboación.

Rosana Pérez dixo ao PP que primeiro “temos que enteirarnos, ter información e documentación” e “até o día de hoxe rexiu a opacidade, o oscurantismo e a falla absoluta de transparencia, até o punto de que a propia Comisión negociadora é segreda desde hai máis dun ano”. Advertiu, polas poucas novas que se coñecen, que o que persigue este Tratado “é a eliminación de calquera barreira política ou social para a expansión do capitalismo e do comercio”.

Información e transparencia

A deputada do BNG exixiu “coñecer como vai afectar á seguridade alimentaria, ao emprego, sobre todo porque se está a negociar un Tratado cun pais que non ten ratificados os acordos básicos da OIT, nin siquera a idade mínima para traballar”. Alertou sobre as pretensións de destruír aínda mais os dereitos laborais e sociais. Exixiu explicacións sobre as consecuencias para o medio ambiente, e o desexo de lle dar carta branca ás grandes transnacionais.

“Con este Tratado, preténdese crear a zona libre comercial máis grande do planeta a gusto dos grandes lobbies e ao servizo das multinacionais, e vostedes animan á que domine por completo o capitalismo sobre a democracia e animan a que se secuestre a soberanía”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG