O BNG propón incrementar as axudas ás mulleres maltratadas para facilitar que rachen co agresor

Carme Adán e Xavier Vence

Carme Adán e Xavier Vence

O BNG propón modificar a actual Lei contra a violencia machista para mellorar as axudas económicas ás vítimas incrementando contía e duración da prestación ao considerar que contar cuns recursos económicos mínimos é clave para que as mulleres maltratadas “rompan a convivencia co agresor”.

En concreto, o Bloque propón fixar por lei unha prestación mínima de 645 euros mensuais, -equiparando o chamado “salario da liberdade” ao salario mínimo interprofesional que se actualiza anualmente-, e subir a prestación de doce a 18 meses, prorrogables en caso de que a maltratada non atope traballo.

A contía é superior en función do número de fillos da vítima ou se a muller maltratada ten persoas dependentes ao seu cargo. Igualmente, a proposta lexislativa do BNG inclúe que a prestación estea dispoñible todo o ano sen depender do prazo dunha convocatoria anual e que a adxudicación se resolva nun máximo dun mes e o silencio administrativo será considerado positivo.

En véspera da celebración do Día internacional contra a violencia machista, a portavoz parlamentaria de Igualdade, Carme Adán, subliñou que “é necesario loitar cada día contra a violencia de xénero e non chega con poñerse un lazo lila o 25 de novembro”, de aí a proposta “concreta” do Bloque.

“Son necesarias medidas de protección, medidas psicolóxicas e sanitarias, pero tamén medidas económicas para que a maltratada rompa a convivencia co agresor, precisa independencia económica”, salientou Adán, quen chamou a atención sobre o feito de que pese a existencia de 5.000 denuncias anuais, só haxa 300 beneficiarias anuais do salario da liberdade.

62 millóns de europeas maltratadas

Desde 2003, 750 mulleres foron asasinadas en todo o Estado e no que vai de ano foron 44 as vítimas mortais, 6 en Galiza. “Cifras que supoñen unha declaración de guerra e que coas que non podemos convivir”, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen tamén chamou a atención sobre o feito de que “ademais desta violencia extrema” existe un maltrato xeneralizado contra a muller, que segundo un informe da UE, 1/3 das mulleres europeas -62 millóns- sufriron agresión física ou verbal en algún momento da súa vida.

“O listón da tolerancia social está moi baixo cando se trata doutro tipo de maltrato ás mulleres, cando todos sabemos que a violencia machista case nunca empeza pola agresión física, senón pola verbal, pola psicolóxica, por xerar relacións de dependencia na que se prima a superioridade do home. Hai unha violencia estrutural que ten que ser atacada de xeito integral se de verdade queremos acabar con esta lacra social”, argumentou.

Os poderes públicos deben ter como prioridade desenvolver a todos os niveis unha cultura que combata a violencia contra as mulleres, que envolva a toda a sociedade, porque hai formas de “micromachismo” que pasan desapercibidas pero que son o xerme de situacións que mesmo acaban no asasinato.

Baixo o lema “Abre os candeados. Se te amarran non te queren”, o BNG desenvolve unha campaña de concienciación contra a violencia machista por todo o país, con especial atención a súa difusión nas redes sociais polo seu uso masivo por parte da xente nova.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG