O BNG, contra a lei mordaza que criminaliza a protesta social ante as políticas do PP

Carga policial na visita de Merkel a Sanitago

O BNG participou nas manifestacións celebradas en distintas cidades do país en contra do Proxecto de lei de Seguridade Cidadán do Goberno central, xa coñecida como lei mordaza, convocadas pola Alianza Social Galega. Na celebrada en Santiago, o portavoz nacional, Xavier Vence, criticou o empeño de PP de “criminalizar e reprimir” calquera tipo de protesta social contra as súas políticas de recortes de servizos e de dereitos e liberdades individuais.

“A lexítima contestación social da cidadanía contra as políticas do PP que os empobrece non se pode responder con represión policial, como están padecendo centos de persoas por protestar pacífica e democraticamente na rúa”, alegou.

O dirixente nacionalista citou a modo de exemplo de colectivos represariados os estafados polas preferentes, aos que loitan contra os desafiuzamentos, contra os recortes de servizos públicos ou mesmo por portar simboloxía galega en eventos deportivos, “centos de galegos e galegas que sofren a estratexia represiva, sistemática e insidiosa do PP e dos seus órganos gobernativos e policiais”.

Vence fai fincapé en que o Proxecto de Lei de seguridade cidadán forma parte dun paquete de medidas lexislativas máis amplo “que supón unha involución nos dereitos sociais, cívicos e económicos da cidadanía”, e insta á sociedade “a defenderse para non perder dereitos conquistados”.

O Bloque denuncia o intento de silenciar á cidadanía “non só con porras”, senón cunha represión xudicial e administrativa que se plasma nun volume inxente de multas arbitrarias nos últimos tempos. “Ademais dun estado policial se recorre á extorsión económica con multas que financian ese propio estado represivo, estigmatizando actos que expresión de liberdade da cidadanía básicos nunha democracia”, alega Vence.

Para o BNG, a situación agrávase co proxecto de Lei de Seguridade Cidadán pois incorpora medidas “regresivos” que reducen “garantías xudiciais” e abren a porta á “arbitrariedade e a indefensión dos informes de parte” que elaboren as forzas de seguridade.

As medidas represivas coas que o Goberno responde a protesta social contra os recortes e as súas políticas, foron tamén denunciadas polo Valedor e polo Defensor do Pobo, cuestionando a actuación do Goberno sobre o uso abusivo da identificación, sancións, e multas e mesmo da represión da exhibición de símbolos nacionalistas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG