O BNG leva ao Goberno de Feijóo ante a Fiscalía por un sobrecuste de 372M€ na autovía Costa da Morte

 O BNG presentou ante a Fiscalía Xeral de Galiza unha querela contra o Goberno da Xunta por un presunto delito de prevaricación na modificación do contrato con Copasa, concesionaria da autovía da Costa da Morte. Resultado desa modificación, a empresa construirá 27 quilómetros do total dos 60 proxectados, cun prezo que pasa de 9 a 22,8 millóns de euros e un sobrecuste final de 372 millóns de euros.

Con estes datos, o Bloque considera que hai “materia de sobra” para suscitar unha investigación por parte da Fiscalía Xeral.

“É un sobrecuste de 372 millóns de euros a costa do erario público que o PP e Feijóo pretenden entregar como agasallo ás empresas concesionarias, en particular a Copasa, empresa amiga do PP que aparece no sumario do caso Bárcenas e noutras causas abertas por corrupción vinculadas ao Partido Popular”, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence, no momento da presentación da querela.

Vence considera que “debería haber unha rendición de contas” pola modificación deste contrato, “que só beneficia á empresa concesionaria”, por iso o BNG quere que actúe a Fiscalía Xeral para que a cidadanía “poda ter unha explicación desta entrega de recursos que está facendo Feijóo a costa do erario público e de todos os galegos e galegas”.VENCE PRESENTACION QUERELA FISCALIA XERAL

O Bloque lembra que o Executivo do PP levou a cabo unha segunda licitación desta obra coa chegada de Feijóo, que xa incrementou o orzamento inicial. A esa segunda licitación á alza súmase este “trasacordo polo que, en base a supostos problemas de financiamento da empresa, o Goberno da Xunta acepta que non cumpra o contrato, que realice menos da metade dos quilómetros previstos e que, aínda por riba, se lle compense anticipadamente e se lle empece a pagar o canón pactado ”, explicou Vence.

O BNG cuestiona a legalidade destes cambios exclusivamente a beneficio da concesionaria, unha empresa que figura nas tramas de corrupción do PP e, en particular, “nos papeis de Bárcenas”. Na presentación da querela, Vence estivo acompañado pola deputada Ana Pontón e por responsables dos gobernos municipais dos concellos afectados, - Carballo, Zas e Vimianzo-.

Operación Zeta

En relación á presunta malversación de fondos públicos na fraude de cursos de formación, Vence reiterou a petición do BNG de crear unha comisión de investigación parlamentaria “para dilucidar responsabilidades políticas”, máxime tendo en conta que non só se trata dunha trama para o enriquecemento empresarial, senón que, unha vez máis, apunta ao financiamento ilegal do PP.

“Demandamos que Feijóo asuma as súas responsabilidades políticas que deben empezar por cesar á conselleira de Traballo porque, igual ca el mesmo, está moi claramente involucrada na trama da Operación Zeta”, reclamou Vence, partidario de auditar todos os contratos relacionados con esa trama de empresas e poñer a documentación a disposición da xustiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG