Adán acada a unanimidade para situar a “perspectiva de xénero” na formación e actividade científica

A parlamentaria instou á Xunta a cumprir a Lei e elaborar o II Programa Galego de Muller e Ciencia e establecer medidas efectivas na Axencia de Innovación co fin de eliminar os desequilibrios de xénero

Carme Adán en comisión parlamentaria

A portavoz de política de Igualdade do BNG, Carme Adán defendeu hoxe unha Proposición non de lei en comisión destinada a aplicar a “perspectiva de xénero” nos estudos e actividades científicas. A iniciativa nacionalista acadou a unanimidade no Parlamento galego.

Adán explicou que o I Programa Galego de Muller e Ciencia 208-2012 foi un paso adiante para dar a coñecer a desigualdade de trato e recoñecemento das mulleres nas ciencias e nas tecnoloxías así como naquelas accións encamiñadas a conseguir unha maior presenza das mulleres neste ámbito, sen embargo, dixo, ese Programa iniciado polo Goberno Bipartito “ nunca foi avaliado pola Xunta” e o II programa segue paralizado polo Partido popular.

A nacionalista criticou que a día de hoxe, o Parlamento descoñeza a avaliación da Xunta do I Programa e os traballo realizados para a elaboración do II.

Asemade, lembrou o grande silencio das mulleres nas disciplinas científicas e os estereotipos masculinos impostos nesta materia. Tivemos que agardar pola publicación de cartas privadas de Descartes, Newton ou Antoine Lavoisier, remarcou, para constatar que existían mulleres facendo ciencia pero que foron “invisibilizadas e esquecidas”.

As nenas e as mozas teñen bos expedientes pero segue existindo un desequilibrio que é necesario analizar porque as nenas e nenos comezan o seu camiño na escola logo van diverxendo. Só “unhas poucas chegarán a ser catedráticas de universidade fronte aos seus compañeiros con similares notas e éxitos” e se deciden entrar na empresa privada no ámbito científico ou tecnolóxico “as tesoiras da desigualade” volven a aparecer, denunciou.

 Apoio unánime á iniciativa nacionalista

Tras aceptar unha emenda do Partido popular, a iniciativa nacionalista acadou a unanimidade da comisión co texto: “ O Parlamento insta á Unidade de Muller e ciencia a elaborar o II Programa co obxectivo de eliminar os desequilibrios de xénero que podan existir no relativo a formación científica, innovación e na xestión de I+D+i así como a situar nos estudos e actividades científicas a perspectiva de xénero nun primeiro plano”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG