Tereixa Paz cualifica de “esperpento” que a Xunta careza de datos do uso do galego na Xustiza

A deputada formulou unha pregunta sobre as “dificultades” de carácter técnico esgrimidas pola Xunta para ofrecer a estatística reclamada polo Grupo parlamentario do BNG

Tereixa Paz

A deputada do BNG, Tereixa Paz formulo hoxe unha pregunta parlamentaria na comisión de Institucional e Xustiza ao Director xeral de Xustiza relativa aos datos da Xunta sobre o uso do idioma galego na Administración de Xustiza en Galiza.

A parlamentaria tamén preguntou se resulta “razoábel” que en pleno século XXI, o Goberno non dispoña desta información e mesmo xustifique o seu descoñecemento alegando “dificultades de carácter técnico”.

Tereixa Paz salientou que “existe unha incompatibilidade entre o uso do galego e as novas tecnoloxías” baseada na escusa do sistema informático do Ministerio e lamentou que a Xunta “leve anos sen facer nada” para resolver esta eiva, incompatibilidade, que por outra parte, apuntou, “non existe para outras linguas do Estado”.

Si o Goberno galego tivera vontade de normalizar o idioma galego na Xustiza seguro que a estas alturas teríamos unha situación como Cataluña ou Euskadi, pero en Galiza, dixo, “parece que a lingua é unha cuestión menor”.

A parlamentaria replicou ao director xeral que dende o ano 2010 que se incorporou á Xustiza o programa Minerva Nox ate hoxe, “ non se incorporou de maneira simultánea outro programa” para poder tramitar en galego os procedementos e documentos.

Sabemos que no Minerva poden tramitarse expedientes en galego pero iso, dixo, implica un dobre traballo para funcionarias e funcionarios que de facelo fano por “voluntarismo puro e duro”.

A deputada, na súa calidade de funcionaria de Xustiza, tamén manifestou que as persoas que militan no uso do galego para exercer o seu dereito e facilitarllo aos cidadáns “temos que facelo con moito esforzo persoal” sen ningún tipo de valoración nin retribución, digo máis, “incluso as veces castigado” por parte da propia Administración.

Tereixa Paz

Tereixa Paz apelou ao Plan de Normalización Lingüística para dotar de instrumentos necesarios os xulgados ao fin de poder utilizar o galego e manifestou que a pesar de existir equipos lingüísticos nos xulgados, Audiencias provinciais e sedes xudiciais estes non poden garantir o uso do idioma galego de maneira normalizada.

O plan de Normalización Lingüística tamén contempla a elaboración dun programa en colaboración co Ministerio e que nós saibamos, dixo, “iso non existe” o único que coñecemos é a formación e capacitación lingüística d@s empregad@s públicos pero si iso non vai acompañado dalgún tipo de “incentivo” para a lingua galega “non ten ningunha virtualidade”.

A parlamentaria concluíu denunciando o “incumprimento flagrante” do respecto dos dereitos lingüísticos dos/as cidadáns que obriga a moitos a abandonar o idioma galego e pasarse ao español tras ser iniciado un procedemento xudicial.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG