BNG e ERC, contra a cerrazón antidemocrática do Goberno ante as aspiracións soberanistas dos pobos

VENCE, JORQUERA E LOPEZ (ESQUERRA REPUBLICANA)2

O BNG felicita ao pobo catalán pola súa “vontade inequívoca” de camiñar cara a soberanía e critica a “cerrazón antidemocrática” do Estado español que demostra “unha total incomprensión das realidades nacionais”. “Estamos ante o fracaso do modelo territorial baixo un centralismo asfixiante e unha Constitución acartonada”, en palabras do portavoz nacional, Xavier Vence.

Nun encontro do Grupo parlamentario e da Executiva nacional do Bloque con Eduard López Domenech, membro da dirección de Esquerra Republicana, convidado pola Fundación Galiza Sempre, Vence considera que o camiño percorrido por Catalunya “é un exemplo a seguir para todos os pobos de Europa que, lexitimamente, reivindicamos o dereito a decidir”.

En contraposición, cualificou de “inadmisible para os demócratas a actitude do Goberno central, co apoio dos grandes partidos do réxime, de impedir a consulta ao pobo catalán que reclama o 80% do Parlament, que revela a súa profunda incomprensión das realidades nacionais”, recalcou Vence, quen reivindicou a mesma “normalidade democrática” que acompañou ao referendo de Escocia.

Porén, considera que o uso “partidista” das institucións non poderá frear as aspiracións do pobo de Catalunya. “A profunda crise e a degradación institucional do Estado español revela o fracaso dun modelo territorial baixo un centralismo asfixiante consagrado nunha Constitución acartonada, sometida a unha interpretación regresiva que baleira os niveis de autogoberno recollidos nos Estatutos”, denunciou.

O portavoz nacional subliñou que o autogoberno é máis necesario ca nunca “para desenvolver a nosa economía, controlar as finanzas e preservar as conquistas sociais e o estado do benestar. A loita pola soberanía, salientou, é sinónimo de “loita polos dereitos sociais, polo emprego e polos servizos públicos”.

Retórica do medo

Desde Esquerra Republicana, Eduard López, definiu o discurso do Goberno central como “legalista, baseado na retórica do medo, identitario ligado á unidade de España”, e subliñou o fracaso “da ideoloxía do Estado” en Catalunya.

“Sexa cal sexa o desenlace do 9N, xa sabemos que a clase política española no seu conxunto fracasou en Catalunya porque foi derrotada ideoloxicamente”, aseguro López. “Os seus argumentos non foron atendidos porque incluso aquelas persoas que non teñen vontade de ser independentes non entenden que se lle impida decidir á cidadanía catalán. Isto non o entende ninguén”, dixo.

O responsable de ER suliñou que a situación de corrupción xeneralizara que afecta aos partidos sistémicos, CiU incluída, favorece o proceso soberanista porque se identifica como o camiño “para superar unha democracia de mala calidade”. E, en referencia ao caso Pujol, asegurou que non prexudica as aspiracións independentistas posto que esa etapa de goberno “non se caracterizou por querer ensanchar a soberanía de Catalunya, senón polos pactos con PP e PSOE”.

“O 9N temos que demostrar cal é a nosa vontade e que non se pode frear a democracia”, concluíu López.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG