Pontón: “ En doce anos duplicouse en Galiza o número de persoas que non falan nunca galego”

A deputada Ana Pontón preguntou o Goberno cando vai cumprir as medidas e obxectivos do Plan xeral de Normalización da Lingua galega

Ana Pontón

Pleno.- A deputada do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta ao Goberno sobre o cumprimento das medidas e obxectivos establecidos no Plan Xeral de Normalización da Lingua galega.

A parlamentaria lamentou que tras dez anos da aprobación histórica no Parlamento galego do Plan de Normalización da Lingua galega, documento con máis de 200 páxinas e 445 medidas, a lingua galega sega “marxinada e esmorecendo”.

Sabemos, dixo, que o galego non está en igualdade “nin legal nin socialmente”, e a igualdade é un principio básico para a liberdade. A discriminación do galego, afirmou, é un “feito obxectivo”, só hai que intentar “vivir en galego durante todo un día” para poder constatalo.

Pasamos do 13% de persoas que vivían en Galiza que non falaban nunca en galego a un 25, 8% e pasou de ser a lingua inicial do 60% da poboación galega o 20,6%, polo tanto, “en pouco máis dunha década, tivo unha caída de 40 puntos”.

Os últimos datos sobre a evolución do galego, explicou a deputada, reflicten que “ deixa de ser a lingua de uso maioritario da poboación”, datos que nos alertan denunciou e que demostran “o difícil futuro da lingua galega”.

A deputada reprochou ao conselleiro de Educación e Cultura “as mentiras” que sistematicamente reitera na Cámara galega sobre o “saúde do idioma galego” e o proceso de substitución onde o galego leva as de perder, vostedes, deliberadamente, “están levando adiante esa política”.

A evolución da lingua galega non é normal, natural e moito menos desexábel e no noso país hai unha política que marxina o noso idioma. A Xunta, “é un veleno para a lingua galega”. Nós, seguimos defendendo o Plan xeral de Normalización Lingüística e por iso preguntamos que van facer vostedes para aplicalo, conclúiu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG