21.000 galeg@s esperan ata varios anos polo pago das indemnizacións salariais do Fogasa

PRADO, JORQUERA, FOGASA

O BNG denunciou na Cámara que preto de 21.000 galegos e galegas levan ata dous anos esperando a cobrar as indemnizacións por despido que debe abonar o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) que acumula máis de 14.000 expedientes sen resolver.

A deputada Montse Prado explicou que a entidade tarda ata dous anos en pagar a porcentaxe do 40% que lle corresponde asumir das indemnizacións, ao que se suman os meses de tramitación previos. A situación se agrava cando Fogasa ten que asumir tamén o pago do 60% que lle correspondería a empresa, -por insolvencia da mesma-, o que provoca unha nova demora que tamén pode chegar aos dous anos.

“21.000 galegos e galegas desesperadas porque ao drama de ter perdido o seu emprego se suma que non cobran as indemnizacións que lles pertencen, non poden afrontar o pago da hipoteca, nin facer fronte ás débedas que lle reclama a mesma Facenda pública que lles debe diñeiro, non poden nin comprar comida”, denunciou Prado.

A deputada nacionalista non considera “inocente” que o Fogasa faga unha dobre tramitación cando a empresa non asume a porcentaxe de indemnización que lle corresponde, porque é unha maneira de maquillar o déficit. “Prefiren presumir de obxectivo do déficit por riba do dereito a comer da clase traballadora e a costa de afundila na miseria”, criticou.

Para axilizar a tramitación dos 14.000 expedientes pendentes, o BNG demanda un incremento dos efectivos de Fogasa, que en Galiza só dispón dun cadro de persoal de 25 persoas.

“Incrementar o persoal propio non externalizar o servizo a través de Tragsa, como están facendo agora con efectivos non especializados que provoca un aumento das demoras na tramitación dos expedientes”, argumentou Prado, “esa mesma Tragsa na que recolocan ao señor Currás cun salario de 100.000 euros, mentres miles de traballadores e traballadoras esperan pola súa indemnizacións. Así é como entende o PP a rexeneración democrática”, criticou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG