O BNG pregunta polas consecuencias de trasladar responsabilidades de Navantia a Defensa

A deputada do BNG, Carme Adán asegurou que o Goberno “non conta cunha folla de ruta” para reflotar o sector industrial galego e para mostra, “a falta de concreción do acordo para traspasar  a Defensa a xestión do sector industrial da defensa 

Carme Adán en comisión

A deputada do BNG, Carme Adán, formulou hoxe unha pregunta na comisión de industria sobre as consecuencias para os estaleiros públicos tras o acordo de Ministros do pasado día 25 de xullo polo que se traslada a Defensa a responsabilidade da planificación, dirección, e execución das políticas para consolidar o sector industrial da defensa.

Neste sentido, argumentou que polo momento, descoñecemos o alcance do acordo para Navantia-Fene así como as repercusións económicas e laborais que terá sobre os estaleiros públicos.

Parlamento e traballadores descoñecen os termos do acordo

A parlamentaria considerou que o acordo debe ser xustificado con datos e expectativas para a comarca de Ferrol e aludiu a repercusión dun debate nun medio de comunicación nas redes sociais nas que diferentes persoas preguntaban se Navantia-Fene será privatizada ou Navantia-Ferrol exclusivamente se dedicará a construción militar. Son dúbidas, dixo, que os traballadores teñen a día de hoxe porque non foron informados dos termos do acordo.

Adán tamén se referiu a flotel de PEMEX do que dixo, foi presentado con “efectos milagrosos” para a comarca de Ferrol pero o certo é que na actualidade hai só190 persoas traballando e as expectativas non contemplan “ampliar a plantilla”.

Intervención de Carme Adán

A realidade, manifestou, é que Navantia ten unha actividade do 60% da súa plantilla e ante o 2015 que abre a posibilidade da construción civil, sen dique flotante e sen a vontade do PP para construílo, queremos saber que coñecemento ten o Goberno galego das razóns que levan ao Goberno do Estado a traspasar ao Ministerio de defensa a responsabilidade de planificar, dirixir, controlar e executar as políticas para o fortalecemento do sector industrial de defensa.

A Xunta non informa das repercusións do acordo do Consello de Ministros

Pola súa parte, o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, Xavier Aguilera confirmou que o acordo abre grandes posibilidades para o desenvolvemento tecnolóxico do estaleiro para a construción militar e civil e esa é “a intención do Ministerio de Defensa tutelando Navantia”.

A parlamentaria do BNG lamentou “a indefinición” nas respostas do membro do Goberno e lembrou que recentemente no Parlamento galego foi aprobado por unanimidade, á iniciativa do BNG, demandar do Goberno do Estado “ unha xestión descentralizadora” de Navantia- Ferrol que dote de autonomía empresarial a Ría de Ferrol e faga efectivo o compromiso da Xunta para impulsar o Sector naval a través da participación no consello de Administración desta sociedade. Cuestión sobre a que Aguilera tampouco se pronunciou na súa intervención.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG