O BNG vota en contra do envío de troas ao Iraque e expresa "un rotundo non á guerra"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu hoxe á tribuna do Congreso a deixar claro a rotunda oposición do BNG ao envío de tropas ao Iraque.

O Ministro de Defensa, Pedro Morenés, compareceu este mediodía no Pleno para pedir apoio á solicitude de autorización parlamentar para enviar 300 militares ao Iraque “para a participación de Unidades Militares Españolas no marco da coalición para a loita contra o Estado Islámico”, coalición liderada por EE.UU. Unha misión que se vai desplegar a finais deste ano no sur do Iraque para “formar ao Exército iraquí” e que terá un custe de 35 millóns de euros.

Rosana Pérez lembrou que hai 11 anos da guerra contra Iraque, que “infaustamente foi protagonizada polo Goberno español e baixo o mandato do infausto Presidente Aznar”. Denunciou que foi unha operación baseada “nunha farsa porque nunca se atoparon armas de destrución masiva, non tivo o respaldo da ONU, tivo unha forte contestación social, morreron miles de iraquís e se pagou un alto prezo”.

A deputada do BNG afirmou que daquelo podemos extraer tres consecuencias do Goberno do PP e do ex gobernante Aznar: “Un estado fallido. Creouse unha situación de guerra e de inestabilidade da zona, e se produciu un importante avanzo yihadista, do que viñan alertando numerosos analistas internacionais”.

“As tropas que van enviar formarán parte dunha coalición que vai combater”

Censurou a parlamentar nacionalista as palabras pronunciadas polo Ministro de Defensa hai uns días cando dixo que “un dos obxectivos do envío de tropas é dar ao Iraque unha estrutura de estado e garantir a seguridade”. Rosana Pérez cualificou estas palabras de “broma de mal gusto vistos os antecedentes da guerra do 2003, que foi a que destruiu a todas as estruturas do país”.

Ademáis, advertiu sobre a ambiguedade doutras palabras de Morenés ao dicer que “o Goberno enviará 300 soldados e contribuirá a facer aquelo no que se considere máis eficaz como o adestramento das forzas iraquís”. Rosana Pérez amosou as dúbidas do BNG ao respeito porque “é unha operación dunha coalición que vai usar a forza. As tropas que van enviar formarán parte dunha coalición que si vai combater”.

Deixou claro que “o BNG condena enerxicamente calquer acción terrorista e rexeita o papel de xendarme internacional de EE.UU e dos seus adláteres, que sempre actúan na defensa dos seus propios intereses e non en beneficio dos pobos”. Asemade, aclarou que moitas das actuacións levadas a cabo no Iraque son responsábeis de facer avanzar a grupos islamistas.

Criticou que se abandone ao pobo kurdo en medio de todo isto. Rosana Pérez reprochou a hipocresía da política internacional sobre o Iraque onde non existe soberanía do pobo sobre os seus recursos que “son controlados por multinacionais”. Expresou un “rotundo non á guerra” e defendeu o dereito dos pobos como o kurdo e o iraquí á autodeterminación”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG