Davila a Montoro: "Estes Orzamentos voltan a incumprir con Galiza"

FALANDO ESCANOA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse ao Ministro de Facenda hoxe no Pleno para dicerlle que “estes Orzamentos voltan a incumprir con Galiza” e “non contemplan actuacións necesarias para dinamizar a economía galega”.

Nese sentido, puxo exemplos: “Non se contempla a prolongación do Eixo Atlántico até Ferrol, nin o saneamento das rías galegas ou actuacións de dinamización de sectores produtivos básicos para a economía galega como o naval, o agro, a gandeiría ou a pesca”. Davila mencionou o AVE para sinalar que se “mantén o mesmo artificio orzamentario de anos anteriores, cunha dotación económica non detallada e inexecutábel na práctica”.

Así, o AVE Olmedo-Lubián-Ourense dótase con 578 millóns de euros, unha cifra similar aos 571 millóns do 2014. “O proxecto actual deunos a oportunidade de coñecer que o investimento previsto para o presente ano será pouco máis da metade do orzamentado”. Subliñou que o propio Goberno recoñece que deixará de executar máis de 200 millóns de euros, “outro exemplo claro dos seus reiterados incumprimentos con Galiza”. Afirmou que o 40% fica sen executar.

Demandou Davila que se faga un maior esforzo inversor por parte do Estado co propósito de correxir os défices estruturais que padece Galiza. “Temos un défice histórico en materia de infraestruturas e na actualidade padecemos un considerábel retraso na execución das obras de alta velocidade en relación ás previsións iniciais”.

Regresións no gasto social mentras incrementan o gasto militar

A portavoz do BNG acusou a Montoro de ter feito onte “un mitin eleitoral” e de utilizar “un tón triunfalista e propagandístico destinado a enganar á xente. Pero Señor Montoro por moito que se esforcen en elaborar a mentira non van poder enganar a unha cidadanía que sofre as consecuencias das políticas de recortes sociais, da precariedade laboral e do progresivo empobrecemento”.

Acusou ao Goberno do PP “de precarizar a vida da maioría das persoas”. Censurou a deputada nacionalista as previsións optimistas de medre económico que realiza o Executivo porque “é previsíbel que non se vaian cumprir”. Reprochou a regresión no capítulo das políticas sociais, destacando o descenso nun 5,6% da dotación do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Criticou os descensos de partidas en I+D+I, innovación científica e fomento da investigación.

“Máis voltan a privilexiar o gasto militar. Observamos que programas como o apoio á innovación tecnolóxica en defensa ve incrementada a súa dotación nun 64,1% en relación ao ano anterior”, enfatizou. Recriminou ao Goberno “o que constitúe un escándalo de enormes dimensións: o engano contábel ao que asistimos nos últimos anos respeito ás contas do Ministerio de Defensa”.

Así, puxo de manifesto como ano tras ano se aumenta a dotación a Defensa mediante créditos estraordinario.

Dentro do seu limitado tempo, a portavoz do BNG repasou asemade as cifras macroeconómicas, a conxelación dos salarios dos empregados públicos e a práctica conxelación das pensións. E acusou ao Goberno “de asfixiar ás CC.AA pola obsesión polo défice. Comunidades que son as que financian os servizos públicos básicos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG