O BNG ofrece ao xeito ir a Bruxelas a refutar na UE o "disparate" de prohibir esta arte de pesca

MIRANDA CON TRABALLADORES DO XEITO RIANXO

O BNG propuxo hoxe en Rianxo aos traballadores e traballadoras do xeito levar a unha representación do sector a Bruxelas para que teña a oportunidade de explicar directamente ante os responsables comunitarios porqué esta arte de pesca artesanal debe quedar excluída da normativa da Comisión Europea que prohibe o uso de calquera rede á deriva a partir de xaneiro de 2015.

A proposta foi transmitida pola portavoz do BNG na Eurocámara e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, nunha entrevista co sector convocada por Adolfo Muíños, rexedor nacionalista de Rianxo, unha das vilas máis afectadas polas pretensións da UE.

Miranda trasladoulle ao sector as xestións realizadas ante responsables do tema na Comisión Europea e no Parlamento europeo, en concreto, ante o presidente da Comisión de Pesca da Eurocámara, Alain Cadec, e da ponente do informe a eurodeputada italiana Renata Briano, facendo fincapé na preocupación que existe por esta posible prohibición que afectaría ao 11% da frota pesqueira galega.

O Bloque argumentou que o xeito é a excepción ás redes de deriva clásicas xa que son menores, os lances no mar son dunha hora, os barcos de menor potencia, cunha pesqueria como é a sardiña na que apenas hai descartes e, ademais, existe regulación galega específica para este sector.

Argumentos coincidentes cos do sector que non foron defendidos pola Xunta que nin sequera participou no proceso de consulta pública que abriu a Comisión Europea sobre o tema entre marzo a setembro de 2013.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG