O BNG ao Ministro de Interior: "O único obxectivo da lei mordaza é a represión e silenciar"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu hoxe á tribuna do Congreso para defender a emenda á totalidade do BNG á lei de seguridade cidadá e deixar claro a oposición rotunda do BNG á denominada popularmente “lei mordaza”.

“Este proxecto de lei chega á Cámara após da oposición e da crítica case unánime que se produciron desde que se coñeceu o primeiro borrador. Ao anteproxecto se presentaron alegacións por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial, do Consello Fiscal, do Consello de Estado ou da Axencia de Proteción de Dados. Partidos políticos, organizacións e expertos do ámbito xudicial, coincidimos en que o único obxectivo desta lei é o de censurar, silenzar e amordazar calquera crítica ou manifestación social que se produza debido ás brutais políticas económicas do PP e de restrición das liberdades”, enfatizou Rosana Pérez ao inicio da súa intervención.

A “lei na patada na porta de 1992 e agora a lei mordaza”

A deputada do BNG afirmou que con esta lei “o Goberno institucionaliza a represión, o control e a vixianza”. Cualificou a normativa de “xigantesco paso atrás”, e ao igual que a vixente lei de 1992, a da “patada na porta”, baséase na filosofía da censura das condutas de disidencia.

E a pesar das modificacións, subliñou a parlamentar nacionalista, “a lei non chega aos mínimos democráticos exixíbeis a un estado de dereito”. Criticou que avance aínda máis na represión que xa era a columna vertebral da vixente lei de 1992. Unha lei que incrementa as contías de sancións de maneira desmesurada, incrementa as accións que se cualifican como infracións en seguridade cidadá e aumenta o catálogo de funcións das forzas e corpos de seguridade do estado “en lugar de evitar os abusos en intervencións policiais excesivas”.

“Un poder político ao servizo das élites económicas”

Rosana Pérez afirmou que “o Goberno primeiro aplica extremas políticas anti sociais, e logo asegura mediante esta lei e outras aprobadas, unha permanente lei do silenzo”. Lembrou ao Ministro de Interior que o estado español é un dos que contan cun menor índice de delincuencia de Europa, pero “a partir de agora quen queira reivindicar os seus dereitos, vaise atopar cunha restrición desorbitada dos dereitos de reunión e manifestación”.

A parlamentar nacionalista rematou a súa intervención perante o pleno, dicíndolle ao Ministro de Interior que “estamos ante a potente maquinaria dun poder político que está ao servizo das élites económicas en lugar de estar ao servizo da cidadanía” e censurou o modelo “inxusto e anti democrático do PP”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG