A Comisión Europea confirma que a Xunta non presentou alegacións en defensa da pesca do xeito

Protesta do sector da pesca do xeito ante o Parlamento galego

A portavoz do BNG na Eurocámara, Ana Miranda, cualifica de “irresponsabilidade política, lamentablemente xa con moitos precedentes” que o goberno da Xunta non tivese enviado ningunha alegación á Comisión Europea no trámite de consultas aberto polo Executivo comunitario entre marzo e setembro de 2013 sobre a súa proposta normativa de prohibir calquera tipo de rede a deriva a partir de xaneiro de 2015.

“Unha vez máis o Goberno da Xunta estivo totalmente ausente na defensa do sector pesqueiro galego en Bruxelas, como acaba de confirmar o Executivo da Unión Europea na Comisión de Pesca da Eurocámara. Ningún goberno, nin o español, nin o galego, enviaron alegacións solicitando a exclusión do xeito da prohibición das redes a deriva a partir de xaneiro de 2015”, denuncia Miranda. “Conclusión deste desleixo: 427 embarcacións, das que viven directamente máis de mil familias, poden desaparecer dun plumazo en menos de tres meses.”

Miranda, que asistiu ao debate na Comisión de Pesca considera que a proposta “é unha verdadeira provocación, formulada desde a total ignorancia do que é a arte do xeito e do que representa para a economía en moitas partes de Galiza, en particular na Ría de Arousa, Pontevedra ou Vigo”.

Unha “ignorancia” da realidade do país que a Xunta non fixo nada por corrixir, “cando tiña que ter informado, xa hai un ano, á Comisión Europea sobre a existencia do xeito e o impacto dunha medida horizontal prohibitiva semellante á que pretende aprobar o executivo da UE”, alegou.

Enlace para consultar as alegacións presentadas, sen que exista ningunha do Goberno galego: http://ec.europa.eu/dgs/maritimeaffairs_fisheries/consultations/driftnet/contributions/index_en.htm

Apoios ao xeito na Eurocámara

O BNG prosegue cos seus contactos políticos na Eurocámara para sacar á pesca artesanal do xeito da prohibición que quere implantar a partir de xaneiro de 2015. Neste sentido, Miranda xa mantivo sendas reunións coa ponente do Parlamento Europeo para este tema, a italiana Renata Briano, “que está totalmente a favor de apoiar ao xeito, por tratarse dun arte de pesca artesanal”, e co propio presidente da Comisión de Pesca da Eurocámara, o bretón Alain Cadec, “quen transmitiu tamén o apoio ao sector do xeito galego porque considera que a proposta da Comisión non está fundamentada nin analizou o impacto económico dunha medida semellante", explica Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG