O BNG condena o acto violento contra o concello de Baralla

O BNG expresa a súa condena do acto violento contra a casa consistorial do Concello de Baralla e expresa a súa solidariedade coa veciñanza deste municipio.

“Merece a nosa condena máis rotunda e o repudio máis explícito”, expresou o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, máxime de confirmarse que se trata dun atentado. No mesmo sentido, o portavoz nacional, Xavier Vence, tamén expresou en nome do Bloque a condena dos feitos sufridos en Baralla a través da súa propia conta de twitter: “Lamentable e condenable o acto violento contra a sé do Concello de Baralla. O BNG condena este acto irresponsable e solidarizase coa veciñanza”.

Ante a posibilidade de que a orixe do suposto atentando fosen unhas declaracións do rexedor de Baralla, -declaracións que cualificou de “auténtica apoloxía do terrorismo”-, Jorquera deixou claro que ese camiño non ten xustificación algunha, indicando que “hai outros métodos pacíficos e democráticos para contestar manifestacións tan execrables coma esas”.

Pola contra, argumentou, “o que están conseguindo cunha acción deste tipo é que un señor que xustificou aos verdugos en cambio agora se erixa en vítima”.

Evitando polémicas estériles, Jorquera concluíu reiterando “en nome do BNG o noso rexeitamento máis rotundo a todo tipo de acción violenta como a que estamos a comentar”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG