Jorquera: “Feijóo ten medo a debater”

O Portavoz do BNG no Parlamento galego censurou a redución imposta polo Partido popular dos tempos e propostas no Debate de Política Xeral que se celebrará os vindeiros días 7 e 9 de outubro

Francisco Jorquera

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera manifestou hoxe, tras a Xunta de portavoces celebrada para elaborar a orde do día do Debate de Política Xeral, que a limitación dos tempos e número de propostas por grupo parlamentario evidencia o “medo de Feijóo” a debater.

Ante os medios de comunicación Jorquera informou da oposición e protesta do BNG ante a limitación do tempo, de 40 minutos a 35 o día do debate con Feijóo, 7 de outubro, e a redución de 50 propostas a 40, o día 9, baixo o pretexto de que existe un grupo parlamentario máis .

Outro corsé do PP no Parlamento galego

Para o deputado, as novas condicións do debate representan outro “corsé” do Partido popular ao desenvolvemento da actividade política dos deputados e deputadas que servimos, dixo, “de canle” para trasladar á Cámara as demandas e propostas de colectivos e cidadáns que agora constatan como ese labor “vese limitado” pola forza maioritaria no Parlamento.

Francisco Jorquera

O nacionalista aludiu a un exemplo desa limitación lembrando que no pasado período de sesións foi debatida unha Iniciativa Lexislativa Popular con 100 medidas para crear emprego en Galiza e a limitación das propostas de resolución impiden agora canalizar moitas desas medidas.

Momento crucial: Segunda transición do Estado español

Neste sentido, apuntou que o vindeiro debate vaise producir nun momento definido pola entrada dunha “segunda transición” no Estado español. Por unha banda, explicou, coa reforma do modelo de Estado por parte do Goberno central, e por outra, “o desafío e deriva centralizadora”, vehículo para recortar dereitos sociais e políticos e o brutal incremento de “desigualdades”.

Fronte a esa recentralización existe o dereito do pobos a reivindicar outro modelo social e nesta liña, asegurou, que “Feijóo carece de proxecto de País”. As súas políticas condúcenos a unha “situación de emerxencia en Galiza”.

O BNG abre un debate de participación social

Ante a celebración do debate de Política xeral, o BNG xa abriu un camiño de participación social a través de múltiples reunións con organizacións e colectivos co fin de escoitar a diagnose da situación e propostas para mudala. Para isto, ademais das xuntanzas lanzou un sitio Web: bng.gal/galizasi/ que recolle información sobre o debate e no que os cidadáns poderán achegar todas aquelas propostas e suxestión que consideren deban ser transmitidas así como ás preguntas que desexen formular e que serán respondidas a través da web.

Contra a corrupción: Dimisión de deputad@s e eliminación da porta xiratoria

A preguntas dos xornalistas sobre posibles acordos contra a corrupción, Jorquera respondeu que “necesitamos feitos e non propostas de acordos”.Feijóo, dixo, sempre actuou “tarde, mal e arrastro” chegando mesmo a incumprir compromisos parlamentares e o código ético do seu propio partido. Contra a corrupción, “dimisión de deputados, acabar coa política de porta xiratoria e paralizar a privatización dos servizos públicos, caldo de cultivo para actitudes corruptas”, sentenciou

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG