Davila: "Son os Orzamentos do empobrecemento social e dos incumprimentos con Galiza"

CONGRESOA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, afirmou este mediodía após de coñecer os Orzamentos Xerais do Estado 2015 que “debemos resaltar tres cuestións que nos parecen moi graves nestes Orzamentos: a consolidación da perda dos dereitos sociais”, en alusión á práctica conxelación das pensións, “a consolidación do empobrecemento das maiorías socias”, en alusión á previsión de paro do 23%, “e o feito de que son os orzamentos dos incumprimentos con Galiza”.

Davila fixo unha primeira avaliación de urxencia en relación ás partidas destinadas ao territorio galego e puxo de manifesto que “o pior de todo é que non se cumpren como vemos ano tras ano”. Nese sentido, denunciou o baixo grao de execución dos Orzamentos enfatizando que “unha cousa é o que se pón sobre o papel e outra moi distinta ver os graos de execución das partidas a final de ano”.

Partidas incumpridas

Así, aclarou que Adif vai gastar este ano no AVE e no Eixo Atlántico “un 25% menos do previsto”. Un exercicio que recomendou analisar coas partidas doutros anos, salientando que o grao de execución nas partidas ferroviarias non supera o 30%. “E se imos ao capítulo viario, máis do mesmo”. Así, puxo como exemplo a A-57 e a A-59 que teñen partidas orzamentadas en 2013 e en 2014 “pero aínda estamos agardando a que se execute un só euro”.

Ilustrou as súas declaracións cuns dados: segundo a previsión de investimento para 2014 do sector público empresarial en Galiza, inicialmente de 1.127 millóns de euros, só está previsto investir o 74 por 100 (834 millóns de euros), tal e como se pode comprobar no proxecto de orzamentos.

Davila afirmou que se “trata de Orzamentos ficticios. O papel todo o aguanta, sobre todo en época eleitoral”. Tildou as cifras proxectadas de “propagandísticas” e de “slogan publicitario” que non se corresponde coa realidade dos graos de execución. .

Galiza perde peso no conxunto do estado

Nesta primeira e rápida avaliación dos Orzamentos para o 2015 que se destinan a Galiza, Davila explicou que a sumatoria do programado para Galiza “nos da unha cifra de 1.379 millóns, un aumento de só un 2,5% aproximadamente en relación ao ano pasado. Hai que ten en conta”, recalcou, que “Galiza perde peso no conxunto do estado ao pasar do 13,8 ao 12,4”, e falou dun orzamento estancado practicamente.

A portavoz do BNG anunciou que o BNG “mirará con lupa as partidas proxectadas para Galiza, presentando emendas co obxecto de mellorar as partidas, facer uns orzamentos máis equilibrados e xustos, e poder chegar a aqueles sectores e eidos que son esquecidos polo Goberno central ano tras ano”.

Máis empobrecemento social e perda de dereitos sociais

Avanzou asemade que o BNG presentará unha emenda á totalidade ao proxecto de Orzamentos do Estado para 2015 porque “seguen a ser uns Orzamentos anti sociais, destinados a cubrir a débeda pero non a satisfacer as necesidades dos cidadáns”. Nesa liña, lembrou a conxelacións salarial dos empregados públicos e a “práctica conxelacións das pensións”, un “binomio incompatíbel para poder reactivar a economía e tirar do consumo”. “Con salarios baixos e perda de poder adquisitivo é imposíbel consumir”. “A recuperación é unha falacia eleitoral, a previsión de paro segue a ser disparatada nun contexto de salarios á baixa e empobrecemento social”.

Ademáis, puxo de manifesto que segundo as previsións de Montoro, “prevén unha recadación de impostos do 6%, mentras só adican un 0,4% a gasto social e a porcentaxe adicada a educación e sanidade é só do 2,28%”. Dados que corroboran que “o Goberno segue aprobando orzamentos anti sociais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG