Referendo de Escocia, exemplo de democracia que se salda con máis autogoberno e conciencia nacional

VENCE ESCOCIA CON REPRESENTANTES DOS PARTIDOS DA ALE

O BNG considera que o referendo de Escocia foi unha lección de democracia e permitiu ao pobo escocés exercer o seu dereito a decidir e, por outro lado, supuxo un avance na súa conciencia nacional e no seu nivel de soberanía, tras acadar do Goberno de Londres compromisos moi relevantes para o seu autogoberno.

“Un exemplo para todos os pobos e nacións de Europa que aspiran a súa soberanía, e queda claro que non se pode negar un dereito tan elemental como o dereito a decidir”, argumenta o portavoz nacional, Xavier Vence, quen encabezou a delegación do Bloque en Escocia.

A normalidade con que se viviu a consulta independentista en Escocia fai aínda máis “inaceptable” actitudes como a do Goberno español, que se nega a recoñecer o dereito a decidir.

“É unha lección de democracia para o Estado español porque mentres os escoceses puideron votar libremente o seu futuro, Madrid está empeñado en impedir a consulta ao pobo de Catalunya. E, por outro lado, este referendo significou un gran avance no seu proceso de conciencia nacional e de autogoberno porque conseguiu conquistas importantes de Londres grazas a este proceso de debate político sobre o seu futuro”, explicou Vence.

“Escocia é agora un país máis forte, con máis competencias e máis autogoberno, que ten máis claro cal é o seu papel en Europa, cales son as súas aspiracións e, sen dúbida, o que valoramos por riba de todo, é que o resultado da consulta responde á vontade do pobo escocés expresada democrática e libremente nas urnas. Iso é ao que aspiran todos os pobos de Europa”, recalcou.

Autogoberno sen precedentes

O propio primeiro ministro escocés, Alex Salmond, fixo referencia a que o proceso lles ten aportado “un grande crédito como país”. “Pensemos no percorrido que temos feito, porque iso nos levará adiante como país”, dixo, subliñando que confía no pronto cumprimento dos compromisos do goberno de David Cameron que, segundo a súa propia valoración, garantirá “un autogoberno sen precedentes” a Escocia.

O portavoz nacional salientou que para o BNG “foi un exemplo de que cando un pobo quere avanzar, avanza”, e lamenta que o Estado español “estea a anos luz de asumir un proceso como o vivido en Escocia”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG