O BNG rexeita as leis fiscais porque "beneficiarán ás rendas altas e grandes empresas"

OLAIA PLENO DE PEA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu esta mañá á tribuna após de escoitar a longa intervención do Ministro de Facenda en defensa dos proxectos de lei de reforma fiscal, para deixarlle claro o rexeitamento do BNG a unha reforma fiscal que non vai beneficiar ás maiorías sociais.

“Os colectivos máis beneficiados serán as rendas altas e as grandes empresas”, enfatizou Davila, quen reprochou a Montoro o “seu optimismo” cando en ningún dos proxectos do Goberno “se atallan as principais inxustizas, non hai medidas para loitar contra a fraude e a evasión fiscal, nin se avanza na regulación das SICAV”.

Ademáis, espetoulle que o IVE permanece intocábel. En conclusión, afirmou, “non se avanza nun sistema tributario más equitativo e progresivo”. Trátase “dunha reforma de marcado carácter eleitoralista. O Goberno engana á cidadanía con esta reforma”. Criticou o feito de que este paquete de reformas fiscais vai supór unha reducción dos ingresos públicos estimados en 7.500 millóns de euros anuais.

Menor recadación fiscal para as CC.AA

Puxo especial énfase na menor recadación fiscal para as CC.AA que van ter menos recursos para financiar servizos públicos fundamentais como a sanidade, a educación ou os servizos sociais. E lembrou a Montoro que o actual sistema de financiamento autonómico non resposta ás necesidades de financiación das CC.AA como Galiza.

En canto ao imposto de sociedades, Davila afirmou que a configuración destas deducións é un dos motivos que fan que o Imposto de Sociedades apenas grave ás empresas. Sinalou que “non é de recibo a rebaixa do tipo impositivo para as grandes empresas, que pasa do 30% ao 25%. Máis o tipo para as PEMES permanece no 25%, polo que se iguala o tipo de gravamen nominal para practicamente todas as empresas”.

No relativo ao IRPF, Davila puxo de manifesto que se reduce o número de tramos da tarifa xeral do IRPF de sete a cinco, e se reducen os tipos impositivos, sendo o tramo máis alto o que experimentará maior redución, cunha rebaixa de 7 puntos, xa que pasará do 52% ao 47% o primeiro ano para quedar logo no 45%. “O que implica unha perda de progresividade no IRPF. Son as rendas altas as máis beneficiadas destas medidas”.

A deputada do BNG fixo especial énfase nas repercusións nas CC.AA porque son as que teñen que facer os grandes esforzos para cubrir os servizos públicos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG